UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Rías lixo: Galiza acapara o 80% das zonas C do Estado

Un aspecto da Ría de Ferrol

No noso país, áchanse situadas 13 das 16 áreas de produción de moluscos bivalvos co nível máis alto de contaminación fecal, pondo de relevo o fracaso da política medioambiental da Xunta.

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente vén de ratificar o precario estado de saúde das rías galegas. Segundo a orde publicada recentemente polo departamento de Arias Cañete que actualiza unha anterior de 2011, Galiza acapara máis de 80% das zonas C de todo o Estado, en concreto, 13 das 16 que existen na actualidade. Só outros dous territorios, Euskadi, con dúas, e Cantabria, cunha, teñen áreas de produción de moluscos bivalvos cunha clasificación que reflicte o nivel máis alto de contaminación fecal e que impide a comercialización dos seus productos sen se submeter antes a un proceso de reinstalación en augas limpas.

O documento recolle tamén outro aspecto significativo que debería sacarlle as cores ás Consellarías e Ministerios con competencias en materia de saneamento, como é que aínda existe unha zona D ou de exclusión -nestas está prohibido mesmo apañar o marisco porque pode ser constitutivo de delicto contra a saúde pública e ter consecuencias penais-, a enseada de Caranza, na ría de Ferrol. É, de feito, a única que queda no Estado logo da reclasificación do esteiro do río Miñor, en Baiona, en xaneiro deste ano.

Precisamente as deficiencias en materia de saneamento propiciaron a visita dunha delegación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo ás rías de Vigo, O Burgo e Ferrol o pasado mes de febreiro, após recibiren un feixe de denuncias de entidades, asociacións ecoloxistas e confrarías de pescadores sobre a elevada contaminación microbiolóxica que presentaban estes espazos. A viaxe fora adiada en abril de 2012 a petición do Partido Popular, circunstancia que permitiu aos gobernos autonómico e español gañar tempo e impulsar unha serie de actuacións que alicerzaron o seu argumentario perante os parlamentarios europeos: os “importantes pasos” e os “elevados investimentos” que se tiñan dado nos últimos tempos para seica encauzar o problema. Esta opinión que tan teimosamente defendeu o presidente da delegación, o conservador francés Philippe Boulland, nas sesións da Comisión de Peticións que seguiron á visita a Galiza contrasta coas manifestacións que os outros dous membros da delegación oficial -Angelica Werthmann, do grupo liberal ALDE, e Tatjana Zdanoka, dos Verdes/ALE- fixeron in situ.

E é que as visitas ás rías de Ferrol e O Burgo coincidiron coa baixamar, cando mellor se poden apreciar os efectos da contaminación fecal, circunstancia que deu orixe a comentarios ben clarificadores sobre o “lamentábel aspecto das praias de area negra”, como así se referiu unha das parlamentarias ás ribeiras das rías.

Seis meses despois, a comitiva de eurodeputados non foi quen aínda de consensuar un ditame da visita, debido, principalmente, á oposición do sector “popular”, ao que pertence non só Boulland, senón tamén outros destacados membros do PP español, como o pontevedrés Francisco Millán Mon ou o vasco Carlos Iturgáiz, ao informe elaborado por Werthmann e Zdanoka, no que plasman xa non as razóns das entidades que reclamaron a súa presenza, senón o que viron cos seus propios ollos. O Partido Popular Europeo négase, porén, a que no documento figure a visita á enseada da Gándara, na ría de Ferrol, escudándose nun suposto acordo verbal decorrente do feito de que esa denuncia non cumprira no momento da visita todo o proceso de tramitación, o que impedía que figurase no programa oficial.

Pero a realidade é incontornábel e, mentres se cociña o devandito informe, a orde do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente recolle os datos que os mem-bros conservadores da Comisión de Peticións queren agochar amparándose en formalismos e dándolle as costas á propia realidade. Galiza, malia a inxente cantidade de fondos europeos recibidos desde os anos 90 para acometer o saneamento das rías e a construción dos sistemas de depuración de augas residuais que deberían estar rematados hai máis dunha década, ten 13 zonas C estábeis –ás que hai que engadir as outras catro que o son durante unha parte do ano-, isto é, 16% do total das súas zonas de produción de moluscos bivalvos (80). Andalucía, con 56, non ten ninguna, como tampouco teñen Catalunya (25), Comunitat Valenciana (27) ou outras máis pequenas como as Illes Balears e Murcia, que, ademais, contan por zonas A as súas cativas áreas de produción. Esta insuficiente rede de saneamento carrexa non só consecuencias estéticas, como un cheiro insoportábel nesas zonas cinguidas a paseos marítimos ou flamantes infraestruturas culturais -eis o caso da única zona de exclusión do Estado-, senón que mingua as posibilidades económicas dunha actividade tan importante para o país como é o marisqueo.

Tanto é así que Galiza sae perdendo na comparación con outros territorios nos que o sector pesqueiro é mesmo testemuñal, mais a consciencia colectiva sobre a relevancia que unhas augas limpas ten para un dos seus motores económicos -o turismo- levou ás institucións daquelas autonomías a resolver o problema. Nas Illes Balears, por exemplo, a cifra de negocio do marisqueo non chega aos 500.000 euros anuais, mentres que na Rexión de Murcia todo o sector pesqueiro xera uns 13 millóns. Pola contra, no ano 2009, as 4.000 galegas e galegos que viven só do marisqueo venderon nas lonxas 9.000 toneladas das diversas especies por un valor superior a 68 millóns. Neste caso, a diferenza do que acontece noutras latitudes, a importancia económica e social dunha actividade produtiva semella non ir parella ao lóxico, pero inexistente interese institucional por protexela e fomentala.

 


 

Como se clasifican as zonas de produción

 

As zonas de produción de moluscos bivalvos clasifícanse, seguindo o mandato de dous regulamentos europeos de 2004, en función da calidade microbiolóxica das súas augas. Para medila emprégase un indicador, a concentración da bacteria E.coli en 100 gramos de vianda, que revela o grao de contaminación fecal deses espazos. En principio, esta bacteria non é patóxena e a súa resistencia no medio mariño é efémera, mais pode estar acompañada doutras que son menos inocuas, polo que a súa presenza sinala a existencia dunha fonte de contaminación próxima no espazo e no tempo, como a salmonella.

Así, considérase unha zona A aquela que ten unha concentración de menos de 230 E.coli por 100 gramos de carne. O seu marisco pode venderse directamente ao consumidor. As que posúen entre 230 e 4.600 son zonas B e, antes de poder saír ao mercado, os moluscos han de pasar por depuradora ou reinstalarse en augas limpas. Finalmente, o marisco das zonas C ten entre 4.600 e 46.000 E. coli e só pode poñerse á venda se reduce a niveis de zona A a súa carga microbiana. Para conseguilo só se pode someter a un proceso de depuración natural como os que existen desde finais de 2011 en Ferrol e Aldán.

Finalmente, nas augas con máis de 46.000 E.coli non pode extraerse marisco. A meirante parte das zonas C localízanse nas Rías Altas.

 


 

Unha gasolineira flotante para a Ría de Ferrol que se desbota en Gibraltar

Unha nova ameaza medioambiental a unhas augas xa moi castigadas que foi aprobada con todo sixilo polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria e que conta coa oposición da Confraría de Pescadores.  

 

As represalias que o Partido Popular anuncia nos seus pulsos cos executivos doutros Estados adoitan desvelar flagrantes contradicións na súa acción de goberno. Hai ano e medio, en pleno conflito con Arxentina pola expropiación de 51% de YPF, a vicepresidenta Sáenz de Santamaría avanzara a publicación dunha orde de asignación de cotas ao biodié- sel “doméstico” que poría freo ás importacións masivas dese país e daría cumprimento a unha demanda que o sector viña reclamando desde dous anos atrás para garantir a súa continuidade. A medida motivou daquela unha queixa formal de Arxentina ante a Organización Mundial do Comercio que provocou a paralización do proceso e a súa apertu- ra a empresas non españolas, incluídas as arxentinas.

Desta volta, o conflito co Reino Unido por Gibraltar volve destapar a improvisación e a incoherencia do Goberno español. A semana pasada, o ministro Arias Cañete anunciaba o endurecemento das sancións ás chamadas gasolineras flotantes ou “bunkering” que operan en Gibraltar -subministro de combustíbel de barco a barco en alta mar- ao tempo que xustificaba o inicio das operacións dunha gabarra da petroleira Cepsa, a “Monte Arucas”, no porto de Ferrol -tamén afectará o da Coruña- para facilitar a repostaxe en fondeo dos mercantes que transitan polo corredor marítimo fisterrán.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Todas as forzas políticas e sociais, agás o PP, expresaron xa o seu rexeitamento á posta en marcha deste servizo que foi aprobado, con moito sixilo, polo consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao o pasado 13 de xuño, co respaldo dos representantes da Xunta e do concello de Ferrol. A confraría de pescadores local non foi informada de tal acordo e asegurou que se mobilizaría se o organismo non atendía as súas demandas, que se basean en pedir a continuidade do protocolo que se viña empregando até o de agora para este tipo de operacións, isto é, a transferencia do combustíbel aos buques amarrados en dique.

O Porto convidou ao patrón maior do pósito, Rubén Ferrer, e outros membros da xunta xeral a visitar o buque, elixido, explica Cepsa, pola Axencia Europea de Seguridade Marítima como buque anticontaminación no noroeste, co obxecto de provocar un cambio de opinión que non acaba de chegar e que, en todo caso, estará sometido á asamblea xeral do pósito que se celebrará nas vindeiras horas.

Malia as protestas, o Porto segue a defender os “efectos positivos que a regulación deste servizo terá sobre a seguridade e o medio-ambiente” así como os “beneficios á economía comarcal”, como, sostén, “a presenza dun buque anticontaminación punteiro a nivel mundial con base en Ferrol, efectos sinérxicos sobre a carteira de reparacións do sector naval e efectos económicos sobre a industria loxística”. Insiste ademais en que un dos fac- tores que distingue “os principais portos, tanto en Europa como en Norteamérica e Asia, é a posibilidade de que os buques carguen combustible”. Con todas as cartas enriba da mesa, o “Monte Arucas” permanece amarrado na ría de Ferrol sen ter realizado aínda a primeira operación de trasvase de combustible en alta mar.

 

Esta reportaxe a dupla páxina apareceu no Sermos61, publicado a 22 de agosto de 2013