A Rioxa dará axudas directas aos produtores damnificados, medida que a Xunta se nega adoptar

Mobilización en Ourense. Imaxe de @anovaourense

Ministerio e goberno galego son contrarios a este tipo de medidas para afectados por xeadas ou secas. As organizacións de produtores galegos piden que se apliquen

As xeadas de finais do pasado mes de abril provocaron importantes prexuízos e perdas económicas aos viticultores de denominacións de orixe de Lugo e Ourense, uns danos con efectos directos na economía desas comarcas. Produtores e organizacións agrarias demandaron desde un primeiro momento o apoio da administración, solicitando que se abrise unha liña de axudas directas para damnificados. Mais desde a Xunta negáronse a dar o paso, argumentando diferentes cuestións, mesmo de carácter legal. Nestas semanas, decorreron varias mobilizacións de viticultores (Ourense, Verín, Ribadavia) reiterando a necesidade das axudas directas.

 

A Rioxa anunciou que ela si que vai dar axudas directas para os produtores afectados pola seca. Racha así co discurso da Xunta e do goberno central de negativa a establecer este tipo de medidas para damnificados por xeadas ou seca. Unha delegación de Unións Agrarias estivo nesta sexta feira no Parlamento para procurar o apoio das diferentes forzas de cara a “impulsar axudas directas aos damnificados como as que ven de aprobar o goberno da Rioxa para os produtores afectados pola seca nas súas explotacións”.

 

A organización afirma, nun comunicado, non entende cómo é posible que a Xunta “se peche a librar fondos de apoio aos afectados, establecendo todos os mecanismos de control necesarios para garantir que as axudas cheguen so a quen as precisa, cando sabe que é a única vía para poder rescatar de xeito efectivo aos viticultores que perderon todo en Ribeira Sacra, Monterrei, Ribeiro e Valdeorras”.