O IGE apresenta un estudo sobre os salarios na Galiza

O salario bruto anual galego foi 11,6% máis baixo que a media española en 2014

No ano 2014 o salario bruto anual foi na Galiza de 20.196 euros por traballador. Este dado é 0,2% inferior ao do ano 2010 segundo os dados que publicaba o Instituto Galego de Estatística esta sexta feira. Á hora de comparar niveis salariais emprégase o salario anual, sendo que existen pagos con período de vencemento superior ao mes.

Os salarios máis altos a nivel galego atópanse na provincia da Coruña cun salario bruto anual de 20.959,4 euros. A provincia de Ourense presentou os salarios máis baixos da Galiza con 18.791 euros de salario bruto anual, 10,3% menos que na Coruña.

 

A fenda salarial diminúe lixeiramente en 2014, sendo o salario dos homes 26,5% maior que o das mulleres, en contraposición con 27,9% de 2010. A partida que máis contribúe ao salario bruto é o salario común con 88,1% , seguida dos pagos extraordinarios con 11,7% e a valoración en especie con 0,20%. No caso das mulleres o salario común supuxo 88,8% mentres que no caso dos homes esta porcentaxe supuxo só 87,6%.

 

As mulleres cobraron 26,5% menos que os homes no 2014 segundo datos do IGE

 

O salario mensual medio na Galiza é, en cifras brutas, de 1.552,5 euros, segundo dados do 2014. Canto ao salario neto, a media galega é de 1.227,4 euros mensuais. Tanto o salario bruto mensual como o salario neto mensual son, a nivel galego en 2014, 10% máis baixos que os españois. As cotizacións á Seguridade Social e IRPF constituíron en 2014 20,9 % do salario dos galegos.