Sánchez anuncia 3.000 millóns de euros para facer fronte á pobreza enerxética

O presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, esta quinta feira, no Congreso dos Deputados. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, compareceu esta quinta feira no Congreso para anunciar novas medidas que busca "protexer 40% dos fogares do Estado" da actual suba dos prezos da electricidade e do gas.

O Executivo que dirixe Pedro Sánchez mobilizará un total de 3.000 millóns adicionais dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para "paliar" a suba da luz e o gas. O presidente español avanzou que no próximo Consello de Ministras e Ministros aprobarase o decreto, co que se pretende "protexer a 40% dos fogares do Estado".

Entre as medidas incluirase un maior apoio do actual bono social, ao que están acollidos 1,3 millóns de fogares, cun aumento do desconto para as persoas consumidoras vulnerábeis de 60 a 65% e un incremento do desconto para vulnerábeis severas de 70 a 80%. Neste sentido, prevese un incremento de 15% na cantidade de enerxía con dereito a eses descontos.

O Executivo español prevé un maior apoio ao bono social térmico. A axuda crecerá desde o intervalo actual de 35 euros a 350 euros anuais, a un intervalo de 40 euros a 375 euros ao ano. Tamén recolle no seu plan a creación temporal dunha nova categoría de consumidores eléctricos con dereito a un desconto de 40% nas súas facturas para 1,5 millóns de fogares con baixos ingresos.

Sánchez tamén anunciou medidas sobre o consumo de calefacción e auga quente dos fogares que contan con caldeiras de gas comunitarias. En concreto, estenderase a protección que xa outorgan as tarifas reguladas aos fogares que formen parte de comunidades de veciñanza con calefaccións centralizadas de gas natural, creando unha nova tarifa regulada para limitar até finais de 2023 o incremento trimestral de prezos. Así, con esta medida, un total de 1,7 millóns de fogares beneficiaranse da redución de máis da metade do recibo, indicou o presidente.

Segundo Sánchez, o Goberno estatal aforrou 35.000 millóns, case 3% do Produto Interior Bruto (PIB), ás persoas consumidoras desde xuño de 2021, con medidas como a redución de impostos ou a 'excepción ibérica', que estabelece un tope ao prezo do gas natural para a xeración de electricidade.

As facturas eléctricas dos fogares son 33% máis baixas do que serían sen as medidas aprobadas, afirmou Sánchez. "As persoas consumidoras vulnerábeis pagan o mesmo que antes da guerra en Ucraína", asegurou o presidente. Así mesmo, sinalou que as facturas eléctricas das pequenas e medianas empresas (pemes) son 23% máis baixas que sen as medidas, e as da industria entre 18% e 20%.

Pola súa parte, Unidas Podemos, rexistrou dúas emendas ao decreto que contén o denominado plan anticrise co obxectivo de limitar os prezos dos alugueres e das hipotecas. Así o anunciou o seu portavoz no Congreso, Pablo Echenique, após a comparecencia do presidente.

O PP afirma que "as contas non cadran"

Durante a súa intervención, a portavoz do grupo popular no Congreso, Cuca Gamarra, afirmou que o Estado español está "moito peor no económico" desde que Sánchez é presidente. "As súas contas non cadran", reprochoulle a popular.

"Mentres toda Europa recuperou o seu nivel de PIB previo á pandemia, o Estado español ocupa o último posto europeo en recuperación", continuou. "Vostede é incapaz de reverter as tres dinámicas negativas que lastran a nosa economía: a elevada inflación, o baixo crecemento e a desorbitada débeda pública", recriminou Gamarra ao presidente.

O BNG pide nacionalizar as grandes eléctricas

O portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, instou Sánchez a levar a cabo reformas estruturais “imprescindíbeis” como a nacionalización das grandes eléctricas e defendeu a creación dunha empresa pública galega de enerxía e unha tarifa propia como país produtor excedentario de enerxía eléctrica.

"Dicían que non era posíbel un imposto ás enerxéticas, á banca e ás grandes fortunas até que o foi, aínda que sexan aplicados de maneira parcial e temporal" lembrou o deputado nacionalista, para despois insistir na necesidade de que estes impostos sexan aplicados de forma permanente.