Seguemento masivo do paro en Extel: “Este ERE ímolo parar!”

Centros de traballadores secundaron a mobilización contra o despedimento de 205 operarios na plataforma coruñesa, o 58% do persoal afectado polo expediente no Estado.

“Este ERE ímolo parar!”. Baixo este lema os traballadores de Extel da Coruña secundaron masivamente os paros convocados para esta quinta feira para amosar o rexeitamento do persoal a un expediente de regulación que pretende despedir 205 operarios na plataforma coruñesa. Unha cifra que supón o 58% do total de persoas que se verán afectadas polo ERE presentado por Extel -compañía subcontratada por Movistar para a realización de servizos de atención telefónica- en todo o Estado.

Os paros convocáranse en todos os centros de chamada de Galiza, uns 8.000 traballadores, e do estado para protestar polo bloqueo da negociación do convenio colectivo. Mais a nova do ERE en Extel situou o expediente como a principal preocupación.

"Formulan o ERE por causas organizativas, aludindo a que non hai traballo, pero iso é mentira. O que fai Movistar é desviar as chamadas para outras empresas, tanto dentro do estado español como fóra, en vez de remitilas ao centro da Coruña"., afirmou Yolanda Martínez, delegada da CIG.