A Seguridade Social perdeu en Galiza máis de 400 afiliados diarios en xaneiro

O paro rexistrado aumentou nese mes en 6.164 persoas, a maioría delas pertencentes ao sector servizos. 

 

Xaneiro é tradicionalmente un mal mes para o mercado laboral. E 2017 non é unha excepción. Galiza fechou o primeiro mes do ano con 6.164 persoas máis no paro rexistrado e 12.988 menos de afiliación á Seguridade Social. En ambos os dous casos, aumento de desempregados e caída de afiliados, con peor comportamento porcentual que a media do estado español, o que sinala que a fenda Galiza / estado continúa alargándose.

A 31 de xaneiro no noso país hai 212.078 persoas rexistradas no desemprego, o que supón un 2,99% máis que no mes anterior. No estado español ese aumento nos parados foi do 1,5%, a metade que en Galiza. A inmensa maioría desas persoas que pasan a se rexistrar no paro pertencen ao sector servizos, algo lóxico tendo en conta que en xaneiro finaliza a campaña de Nadal. O rexistro é mellor se analizamos a evolución interanual. Aí o paro rexistrado descendeu en 24.369 persoas (un 10%).

En Galiza hai 950.938 afiliados á Seguridade Social, o que supón case 13.000 menos que no mes anterior. Descendeu 1,35% mentres que a caída a nivel estatal foi menor, dun 0,98%. Embora as mensaxes de recuperación, na afiliación en Galiza á SS hai agora cen mil afiliados menos que no inicio da crise: a comezos de 2009 superan o 1.054.681 persoas.