Os sindicatos agrarios critican as "insuficientes" axudas da Xunta para paliar a EHE

Unha vaca coa súa cría no Deza, comarca onde se detectaron os primeiros casos de EHE. (Foto: María Monteiro)
Fruga e SLG exixen medidas máis ambiciosas ao Goberno galego.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou esta segunda feira axudas para paliar as consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), unha iniciativa que non foi acollida con bos ollos por parte dos sindicatos agrarios por "insuficiente" e que suscitou varias críticas na xornada de onte. As contías por animal falecido oscilarán, dixo Rueda, entre 400 e 1.600 euros, e o orzamento total será de 5,4 millóns de euros. 

Neste sentido, a Federación Rural Galega (Fruga) considerou esta terza feira que as contías das xudas "son insuficientes no que respecta a animais de bovino de carne, xa que o seu valor aos catro meses e moi superior". "Ao igual que nas vacas de primeiro parto, tanto de leite como de carne, pasa o mesmo, o valor destes animais supera con creces os 2.000 euros", sinalaron.

"Outro aspecto que non contempla esta liña de axudas é o do lucro cesante, é dicir, cada explotación afectada debería percibir unha cantidade non soamente polas perdas ocasionadas pola enfermidade, senón que tamén se debe contemplar as ganancias que se deixaron de obter", argumentou a Fruga.

As criticas tamén chegaron esta terza feira desde o Sindicato Labrego Galego (SLG). "Descoñecemos tanto o criterio que se vai seguir para considerar unha gandaría afectada pola EHE como o importe da indemnización por morte para animais maiores de catro meses e menores de 18, e para os animais maiores de 120 meses, xa que no publicado só se dá a vaga estimación de que poden chegar a 1.600 euros e que os menores de catro meses cobrarán 400 euros", explicaron desde o sindicato agrario.

Ademais, o SLG lembrou que "leva meses solicitando á Consellaría axudas directas para as granxas que fan fronte aos custos veterinarios e ao lucro cesante que implica a EHE".

Neste contexto, o pleno da Deputación de Lugo aprobou esta terza feira, de forma unánime, demandar á Xunta "a adopción de medidas urxentes para apoiar as gandarías de vacún na loita contra o avance da EHE".

Axudas do Estado

O Consello de Ministros e Ministras aprobou esta terza feira a distribución de máis de 2,8 millóns de euros a Galiza para combater a EHE e 350.000 euros para a erradicación da tuberculose bovina, unhas contías que serán xestionadas pola Xunta, que ten a competencia na materia.