Sindicatos concéntranse contra os despedimentos en NGB

A entidade financeira prevé o despedimento de 2.500 empregad@s como parte do programa de re-estruturación exixido co gallo do rescate recibido. Neste sentido os sindicatos aseguran que non se reunirán coa empresa até que o FROB se reúna con eles e dea conta de cal será o futuro da entidade que podería supor a súa venda ou liquidación en 2017. 

 

Máis de dúas mil persoas á rúa, esa é a proposta que Novagalicia Banco pon enriba da mesa como parte do programa de re-estruturación após a chegada dos fondos públicos con que a entidade financeira pagará as súas débedas. A máis dos despedimentos, NGB prevé o peche de oficinas e sucursais por todo o país e a desaparición de boa parte das súas fundacións.

Os sindicatos xa adiantaron a pasada semana que non se reunirían coa empresa até que o FROB --organismo público propietario do 90% do capital da entidade financeira galega-- bote luz sobre cal será o futuro d@s empregad@s da empresa e da entidade mesma. Perante esta situación, as organizacións sindicais concentráronse perante a delegación do goberno español e o Banco de España na Coruña para exixiren unha solución xusta ao conflito xerado.

"Queremos falar de emprego e non de despedimentos", demandaron @s representantes sindicais de NGB

"Nunha entidade nacionalizada", asegurou Clodomiro Montero, secretario nacional da CIG-Banca,"o lóxico é que o goberno se sente cos traballadores e traballadoras para falar do emprego e da propia viabilidade da entidade”. Neste sentido, as organizacións sindicais néganse a manter negociacións coa empresa até que o FROB non acceda a desenvolver xuntanzas c@s traballadoras e traballadores de NGB. 

“Queremos que o FROB nos explique que alternativa de futuro ten para todo este conglomerado de empresas", demandaron os sindicatos, pois aseguran que a súa intención "é falar de emprego" e non, din, "de despedimentos". 

Así mesmo, esta quinta feira, representantes sindicais entregarán unha carta ao presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, para exixiren "a implicación da Xunta" perante o "impacto social e laboral" do pla de re-estruturación presentado pola dirección da entidade financeira.