O sistema eléctrico: o oligopolio mimado
As grandes eléctricas gañaron entre 2008 e 2015 máis de 56.650 millóns de euros. Nese período o recibo da luz subiu un 54%. Todo vén desde o 1997, ano en que comezou a liberalización do sector enerxético, que deixou de ser servizo público. Dedicámoslle ao "oligopolio mimado" unha ampla reportaxe no Sermos Galiza 220. Aquí, un extracto.
A decisión do Supremo de tombar o “bono social” e obrigar a indemnizar as eléctricas por ter que pagar estes dous anos esa tarifa subvencionada para persoas consumidoras con baixos ingresos puxo as cousas no seu sitio. O mesmo sitio no que levamos, como mínimo, desde o proceso de liberalización do sector eléctrico encetado en 1997 e que serviu para engordar e dotar de poder un oligopolio que decide sobre unha necesidade básica como é a electricidade.