Situación crítica na pesca da sardiña
Centos de barcos galegos, do cerco e do xeito, agardan pola decisión de Bruxelas sobre a sardiña. Miles de mariñeiros pendentes de que a UE acorde se fixar cota cero para un recurso fulcral para un segmento non pequeno da nosa frota. “A situación é crítica”, advirten desde o propio sector. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no Sermos Galiza 283.
“Non se pode fechar unha pesqueira por un simple informe”, afirma Miguel Iglesias, patrón maior de Rianxo. Neste porto 117 embarcacións teñen permiso para o xeito, a arte artesanal que ten na sardiña o seu obxecto máis prezado. Levan anos coa espada de Damocles pendendo sobre a súa cabeza. “Agardo que non se decrete un feche total”, indica, alertando do brutal impacto que iso tería na zona e apelando á importancia da frota artesanal. Tamén no cerco están á agarda do que decida Bruxelas.
Pouco confían nas xestións de Xunta e Estado español na defensa da frota galega. Andrés García, da Asociación de armadores do cerco de Galiza, advirte: “Isto pode ser un desastre”. García subliña que para os 146 barcos -e mil tripulantes- do cerco galego a sardiña é o seu recurso “fundamental”. O que mellor prezo ten. “Xa nos recortaron 5 millóns de quilos entre xurelo e xarda”, critica, polo que ficar sen sardiña sería poñer o ramo a un ano que xa de inicio se presenta “complicado”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 283 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]