Sermos Galiza 225

Son reais os xuros, en mínimos históricos?

Por que os xuros na banca son baixos? Son reais? Analizámolos nunha reportaxe publicada no Sermos Galiza 225, xa á venda na loxa. Eis un extracto da información.

Europa comezou a cambiar no ano 2008, co estalido dunha crise financeira que no caso do Estado español xerou desemprego, precariedade e inseguranza nas clases populares e medias. Desde entón, e malia que, como dixera o presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, o sistema bancario español estaba por méritos propios na cimeira mundial, nada volveu ser igual, nin cara a fóra nin tampouco cara a dentro, principiando daquela unha reestruturación que aínda non culminou todas as súas fases. O caso recente do Grupo Popular así o evidencia.

A nivel interno, os efectos desa catarse após oito anos falan por si mesmos. No informe A economía galega, elaborado para Abanca por unha equipa dirixida por Alberto Meixide, achéganse dados que apuntan nesa dirección: desde a quebra de Lehman Brothers, pecháronse en Galiza nada menos que 800 oficinas, isto é, o 30% da rede, e destruíronse entre 5.000 e 6.000 postos de traballo dos perto de 20.000 cos que comezara aquel ano. En ningún sector, todo hai que dicilo, o axuste foi tan drástico. Paralelamente desenvolveuse o desmantelamento do sistema bancario propio e a día de hoxe pódese afirmar con rotundidade que, como sostén o economista e autor de As relacións banca-industria en Galicia, Ramón Yáñez, “non hai banca propiamente galega, pois depende de grupos alleos”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra, que inclúe unha reportaxe coa responsábel de Adicae na Galiza, no Sermos 225, á venda na loxa online]