Suso Seixo: ‘’Nas circunstancias actuais non é posíbel a paz social’’

Seixo

O secretario xeral da CIG advirte nunha entrevista na RG que a ‘’precariedade xeralizada’’ en empregos, salarios e condicións de vida imposibilitan a ‘’paz social’’ que as centrais españolas acordaron en xullo co goberno central.

Suso Seixo considera que nas actuais circunstancias “a paz social non é posíbel”. Unha frase que o secretario xeral da CIG deitou na entrevista na Radio Galega a preguntas do xornalista Kiko Novoa sobre o acordo asinado por CCOO e UXT en xullo co goberno español. “Ese acordo é pura hipocresía, palabrería, non hai nin unha proposta”, afirmou Seixo, moi crítico co que el cualificou como “entreguismo” co poder de ambas as dúas centrais estatais.

Para o secretario xeral do sindicato nacionalista, nun escenario de “precarización xeralizada” en empregos e salarios, de recortes de dereitos, ataques ao público...”vender paz social é un insulto á intelixencia dos traballadores”.

Folga Xeral

Preguntado polo condutor de ‘Galicia por Diante’, Seixo considera que “hai razóns obxectivas para unha Folga Xeral” en vista da degradación das condicións laborais e recortes sociais, así como da mingua nos dereitos. Afirma que un simple vistazo á realidade mostra que “a loita de clases está viva” e que feitos como o alargamento da fenda social ou a concentración do poder económico en cada vez menos mans así o demostran.

A CIG impulsou unha Iniciativa lexislativa Popular na que se recollían propostas e ideas en diferentes eidos (laboral, económico, ambiental,...) para crear emprego. “Cando me tocou defendela no parlamento alí non había ninguén do goberno para escoitar”, lembrou Suso Seixo.

“A soberanía non é ideoloxismo”

O secretario xeral da CIG tamén defendeu na entrevista a soberanía para Galiza. “Somos unha organización nacionalista, queremos que Galiza sexa suxeito político principal”. Seixo entende que nun proceso como o actual, “no que as institucións que toman as decisións que afectan a nosa vida” están cada vez “máis afastadas do pobo” a soberanía é unha ferramenta chave. “Reclamar soberanía non é ideoloxismo. Faría máis democrática a sociedade e os galegos e galegas poderiamos decidir sobre o que nos afecta”, indica.