Banco Santander cita os sindicatos para lles notificar o ERE post-absorción do Popular

banco santander CIG

O recorte no cadro de persoal chega após os feitos en 2016 polo Santander (afectou 1.380 empregados) e Popular (2.500). Desta volta `podería atinxir 1.500 persoas.

 

O temor a un ERE pairaba desde o minuto 1 da compra do Banco Popular polo Santander, o pasado mes de xuño. Un temor que se vai concretar esta sexta feira, 3 de novembro, en Madrid. Os sindicatos foron convocados a unha xuntanza ao abeiro do artigo 12 do convenio colectivo, que é no que se establecen os procedementos e tempos destes expedientes. Rosa Conde, da CIG no Banco Pastor, recoñece en conversa con Sermos Galiza que “sabiamos que algo se preparaba” polos estudos e análises que a entidade estaba a facer de cara a plans de reestruturación. "Nun proceso deste tipo", sinala, no que un banco compra outro, "sempre hai xente que se vai ver afectada" por mor de cuestións como a duplicidade.

 

O Banco Santander realizou un ERE en abril de 2016 que afectou perto de 1.400 traballadores. O Popular, a finais de ano e que atinxiu 2.592 empregados. Uns recortes aos que hai que engadir os do novo expediente que, segundo algunhas fontes, podería afectar a por volta de 1.500 persoas.

 

O Popular-Pastor era, no momento da súa adquisicióm, a segunda entidade en depósitos da Galiza, posúe por volta de 20 por cento da cota de mercado.