O temor á deflación na zona euro leva ao BCE a baixar a 0% a taxa de xuro

bruxelas eurogrupo Unión Europea

O Banco Central europeo anunciou varias medidas para escorrentar o risco á deflación e tentar que a economía europea medre máis.

A preocupación pola posíbel deflación da zona euro deu paso aa pánico. A decisión do Banco central europeo (BCE) de baixar do 0,05% a 0% as taxas de xuro amosan o nervosismo existente na entidade, un nervosismo espoleado polos recentes dados que indican que a UE despediu febreiro cun -0,2% de inflación. Para escorrentar o risco, o presidente Mario Draghi impulsa un paquete de medidas de estímulo, coa baixa da ao 0% das taxas de xuro como unha das protagonistas. Non é a única, tamén ampliará de 60.000 a 80.000 millóns de euros o montante mensal que adicará o BCE a mercas de activos nos mercados; ou variará a taxa de depósito. O PIB medrou en 2015 un escaso 1,6%, un factor que, canda outros (desde parón das economías emerxentes aos baixos prezos das materias primas, pasando polo baixo medre chinés), xeran preocupacións por unha nova recesión.

A rebaixa ao 0% da taxa de xuro colleu por sorpresa a analistas e mercados. Non se esperaba a medida, recoñecen os medios europeos. Non é un sinal tanto pola baixada 'en si' (de 0,05% a 0%), senón polo sinal que envía: está disposto a fornecer de “diñeiro barato” os bancos da zona euro. Os bancos van poder pedir prestado cartos ao BCE sen pagar un só euro de xuro.

A isto engade unha rebaixa das taxas de xuro de depósitos, co que procura incentivar ás entidades financeiras a que deixen de acumular cartos e reservas no banco central e opten por inxectar cartos, por facelos circular con empréstitos a empresas e familias. E a isto engade que as compras de activos do BCE van a aumentar a 80.000 millóns de euros, no canto de 60.000 millóns.