A terceira xornada de greve volve paralizar o metal coruñés

Piquete do metal. Imaxe @ramonsarmientoCCOO

Os sindicatos estudan ampliar os paros en tres xornadas máis, 13, 20 e 27 deste mes.

A terceira xornada de greve no metal da provincia da Coruña volve paralizar o sector, onde traballan por volta de 17.000 operarios, no marco do primeiro paro do metal coruñés desde hai 25 anos. Para esta cuarta feira, 5 de xullo, está convocada unha nova xornada de greve e os sindicatos analizan ampliar os paros tres días máis, 13, 20 e 27 deste mes de xullo.

 

O seguemento está a ser masivo nos principais polígonos da provincia, nomeadamente nos das principais cidades, segundo os sindicatos convocantes, CIG, CCOO e UXT. Unha resposta dos traballadores que se produce horas despois de que a xuntanza de negociación entre as partes acabase sen acordo.

 

Desde as centrais laméntase a cerrazón da patronal respecto de determinadas cuestións relativas ao convenio colectivo. Se ben en aspectos económicos houbo achegamento, a patronal non quixo nin entrara a falar en temas como subrogación, precariedade laboral ou na cuestión das mutuas.

 

A greve ten a súa orixe na actitude de paralización da patronal no convenio colectivo, que leva negociándose máis de dous anos e medio. Entre as reivindicacións, a de activar a cláusula de revisión do IPC, paralizala no momento de comezar a crise, pero co compromiso de volver activala en canto acabase o convenio. A patronal aceptaría agora este punto.

 

Porén fica avanzar en cuestións como a subrogación a subcontratas que traballan  para Fenosa e Telefónica, ou ben os longos contratos a través de ETT, coa precariedade que iso xera. As “altas indebidas” por parte das mutuas é outro dos campos de batalla.