Todas as miradas sobre Jackson Hole: a freada dos salarios na eurozona achega un descenso de tipos de xuro en setembro

O irlandés Philip Lane, economista xefe do Banco Central Europeo, participa até sábado na reunión de bancos centrais en Jackson Hole. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
A pesar de que a estatística proba que os beneficios empresariais teñen maior influencia sobre a inflación que o crecemento dos soldos, o BCE tende a fixarse máis na evolución dos salarios para tomar as decisións de política monetaria.

A suba dos salarios negociados na zona euro alcanzou o 3,55% interanual no segundo trimestre de 2024, o que supón unha desaceleración respecto da alza do 4,74% nos tres primeiros meses de 2024, segundo reflicten os datos publicados esta quinta feira polo Banco Central Europeo (BCE). Así, o aumento interanual dos salarios negociados na eurozona entre abril e xuño foi o menor desde o último trimestre de 2022.

Estes datos teñen unha importante relevancia de cara á próxima reunión do BCE en setembro, pois tal e como esta entidade recoñeceu, é algo ao que presta "especial atención" como consecuencia do impacto que, segundo o organismo emisor, poden ter os soldos na inflación dos servizos.

Neste sentido, a pesar de que a estatística proba que os beneficios empresariais teñen maior influencia sobre a inflación que o crecemento dos soldos, o BCE tende a fixarse máis na evolución dos salarios para tomar as decisións de política monetaria.

A desaceleración dos salarios negociados na eurozona coñécese ademais coincidindo co conclave anual dos principais bancos centrais nos cumios das montañas rochosas que rodean o val de Jackson Hole (en Wyoming, nos Estados Unidos), que centra (desde esta quinta feira e até sábado) os seus debates en como abordar as posíbeis baixadas de tipos de xuro a partir de setembro.

"A caída dos salarios negociados na eurozona no segundo trimestre foi máis da esperada", indicou Bert Colijn, economista de ING Research para a eurozona, para quen, aínda que podería haber sorpresas á alza no sucesivo, a lectura sobre o aumento dos soldos "fai que un recorte en setembro de 0,25 puntos [nos tipos de xuro por parte do BCE] sexa aínda máis probábel".

"A caída traerá certo alivio a quen busca un ciclo de recortes gradual, xa que o crecemento salarial negociado do 3,6% interanual está máis en liña cunhas perspectivas de inflación benignas a medio prazo", engadiu.

A respecto dos aumentos de salarios en base á negociación colectiva entre sindicatos e empresas, Colijn recoñece que "é excelente para os consumidores e melloraría un pouco as perspectivas económicas". Con todo, engade o economista, o aumento dos soldos "podería ser unha bóla curva [en referencia a un golpe de tenis difícil de devolver] para o BCE máis adiante".

Os ollos no 12 de setembro

As intervencións previstas en Jackson Hole por parte de Jerome Powell, presidente da Reserva Federal dos EUA (Fed), así como de Philip Lane, economista xefe do BCE, serán as primeiras declaracións desde a parada estival cando se achegan as reunións clave de setembro.

Así, os mercados están atentos ante calquera pista sobre as próximas decisións de política monetaria. De feito, o Consello de Goberno do BCE ten previsto reunirse o próximo 12 de setembro, mentres que o Comité de Política Monetaria da Fed dará a coñecer a súa decisión sobre os tipos de xuro o 19 de setembro.

Segundo a entidade organizadora, no foro de Jackson Hole exploraranse as leccións da resposta tanto á pandemia como ao posterior aumento da inflación, xa que a década actual "foi testemuña dalgunhas das medidas de política monetaria máis contundentes xamais rexistradas".

O Euribor continúa baixando de valor de forma paseniña

O Euribor, o índice de referencia para a maioría das hipotecas variábeis na Galiza, fechou a xornada desta quinta feira en 3,133% (-0,029 con respecto á xornada anterior), mentres que a media de agosto até agora sitúase en 3,189% (-0,337 con respecto á media de xullo) e a prevista ao finalizar o mes en 3,174%. 

Cunha media provisional do Euribor do 3,189%, unha hipoteca variábel de 150.000 euros a 25 anos cun diferencial do 1% e revisión semestral, pasará de pagar 973,37 euros ao mes a 932,49, cunha variación mensual de 40,9 euros menos. No caso de que a revisión sexa anual, pasará de pagar 1.008,28 euros a 932,49, cunha variación mensual de 75,8 euros menos.

Aínda que o índice segue en valores altos, a caída do Euribor sinala a confianza dos mercados en que se produza unha baixada dos tipos de xuro na próxima reunión do BCE que terá lugar o próximo 12 de setembro.