Os traballadores galegos, 'baratos' e fan máis horas

O custo laboral dun asalariado galego é inferior en 2 euros / hora á media española. E traballando tres horas máis á semana.

Os datos que vén de publicar o Instituto nacional de estatística (INE) reiteran a situación de  Galiza como un dos territorios do Estado español onde menor é o custo laboral [suma de remuneracións e cotizacións sociais] dunha persoa traballadora. É dicir, onde a persoa asalariada sae máis ‘barata’ ao seu contratador. Ao tempo, os asalariados galegos traballan máis horas que a media española.

 

O custo laboral dun traballador galego é de 2.209 euros ao mes fronte aos 2.482 de media no Estado español. Por hora efectiva, 16,1 euros é o que custa un asalariado en Galiza de media mentres que no estado ese custo é de 18,3 euros. Unha diferenza de 2,2 euros en cada hora. Os custos laborais máis altos están en Madrid (3.023 euros ao mes), Euskadi (2.859) e Nafarroa (2.635).

 

Na xornada laboral, a media pactada é no Estado español de 34,2 horas á semana mentres que en Galiza está en 37,5 horas. Tres horas máis cada semana que traballan os asalariafos galegos en comparación cos españois.