A triste normalidade: os prezos do leite volven baixar en Galiza

tractor leite gandeiro

Desde xaneiro encadea descensos e reforza o noso país como no que menos se paga polo litro de leite de todo o Estado.

O prezo do leite segue a baixar en Galiza, unha dinámica que semella non ter fin e que se evidencia mes tras mes. O informe que vén de facer público o Fondo español de garantía agraria (Fega) correspondente ao mes de maio reflicte unha nova caída no que se paga polo leite no noso país: o prezo medio está en 27,3 céntimos (29,2 no Estado). Galiza é onde ao produtor menos se lle paga polo leite mentres que no outro extremo, o mellor pago na Península, está Euskadi, con 34,2 céntimos o litro.

A serie desde inicio de ano rexistra como en xaneiro o prezo medio en Galiza estaba en 28,8 céntimos, pasando a 28,5 en febreiro, rexistrando 28,2 en marzo, en abril pagouse a 27,9 e en maio a 27,3. Un descenso continuado. Ademais, o que no documento se reflicte é o prezo medio. Organizacións agrarias denunciaban recentemente que un 30 por cento de explotacións cobran por baixo dos 24 céntimos o litro, "en perda mensual", ao tempo que se penalizan "de modo brutal" os volumes de produción.

No mencionado informe tamén ofrecen datos da produción de leite, que en maio rexistrou un aumento do 4,78%, chegando ás 231.118 toneladas, o que representa case o 38% do total producido no Estado español. Porén, na comparación interanual indica un lixeiro descenso do 1,3 por cento.