O bulo municipal sobre os grandes ingresos grazas ao turismo de cruceiros

Cruceiro en Vigo.

O goberno local da Coruña afirma que a cidade gañou medio millón de euros pola coincidencia de seis barcos de pasaxeiros no mesmo día, pero as testemuñas de comerciantes e cidadáns rebaixan a propaganda oficial -semellante a que se dá co mesmo fenómeno en Vigo- e sinalan como case irrelevante o beneficio destes visitantes.

Con gran despregamento informativo en programas televisivos de mañá e tarde pero moi lonxe dunhas cifras completamente adulteradas con obxectivos publicitarios. Porque este último parece ser a razón real da forte aposta que os portos da Coruña e Vigo veñen facendo polo turismo de cruceiros, máis pensado na espectacularidade da presenza na cidade de enormes trasatlánticos que por uns beneficios moi pequenos, case anecdóticos.

Sen ningún tipo de pudor ante mentiras descaradas, que con todo son aceptadas por moitos medios, o concello da Coruña que dirixe Carlos Negreira do PP -en Vigo o socialista Abel Caballero tamén anda na mesma liña- afirmou que a coincidencia o pasado venres de seis cruceiros no porto da cidade, con 8.500 visitantes, xerou uns beneficios de medio millón de euros. Falso.

A práctica totalidade dos cruceiros traballan co sistema Todo Incluído, polo que -como confesan @s mesm@s turistas- tod@s van xantar ao barco

Calcula Negreira na súa propaganda que cada turista gastaba na cidade entre 60 e 100 euros. Porén, @s comerciantes e hosteleri@s saben que esa cifra non ten nada que ver coa verdade. Apenas invisten uns poucos euros unha pequena parte d@s pasaxeiros destes barcos. Por varias razóns.

Primeiro, a práctica totalidade dos cruceiros traballan co sistema Todo Incluído, polo que -como confesan @s mesm@s turistas- tod@s van xantar ao barco, fóra como moito toman unha cervexa ou un refresco. Ademais, nin sequera tod@s baixan a terra, e a gran maioría d@s que o fan acoden a viaxes organizados, normalmente cara a Torre de Hércules ou Santiago, onde tamén é coñecido que apenas gastan nalgún recordo barato, ao non ser o perfil deste viaxeiro especialmente interesado en cuestións culturais.

O turismo de "mochila" é de aparencia menos millonaria, pero deixa máis diñeiro

Comerciantes e pequenas empresas quéixanse decote do escaso peso do turismo de cruceiros -para o que concellos poñen todas as facilidades, reducindo taxas, por exemplo- pero os gobernos locais -caso do coruñés- teiman no mesmo en contra doutros de menor aparencia millonaria pero máis gasto -caso do chamado "de mochila"- e con mentiras tan descaradas como a do medio millón que tería gañado a cidade grazas a esta actividade o pasado venres. Nada máis lonxe da realidade. Propaganda política pura e dura, presumindo ademais dunha actividade, a turística, moi discutida en diversos sectores, malia que nos máis conservadores é considerada case un fetiche, normalmente por mor de datos falseados como os dos cruceiros.