LABORAL

Un de cada catro asalariados na Galiza percibe de máximo o salario mínimo

desempregados á porta dunha oficina do INEM
O 27% das persoas asalariadas en Galiza percibiron coma tope o SMI e un 15% apenas a metade deste.

Un estudo realizado polo Gabinete Técnico de Economía da CIG, a partir de datos da Axencia Tributaria, amosan un panorama laboral desolador, no que un de cada catro asalaridos na Galiza percibe de tope o Salario Mínimo Interprofesional. Destes datos tírase, ademais, que a mocidade é a máis prexudicada, porque alén de baixos salarios, soporta unhas taxas de paro intolerábeis e contratos de escasa duración. O 27% das persoas asalariadas en Galiza percibiron como máximo o SMI (un 15 % apenas a metade deste). Conxuntamente recibiron o 6% do total da masa salarial dos galegos/as. O 1,5% das persoas asalariadas en Galiza de maiores ingresos (máis de 7,5 veces o SMI) percibiu o 7,7% do total das rendas salariais galegas. Os números falan por si sós: o 1,5% das persoas asalariadas de maiores ingresos acaparan unha maior porción da masa salarial que o 27% de menores ingresos

Tanto Galiza como o Estado español son, en termos de emprego, dos países máis afectados pola crise, un escenario onde a xente nova é a máis afectada. Fronte a esta situación, os poderes públicos reivindican saír da crise grazas a un esforzo na moderación salarial e nas condicións laborais (mini contratos), sen cuestionaren o contorno onde se define a actividade macroeconómica, que dende o noso punto de vista é o principal problema para superar a crise. Xunto coa reforma do sistema financeiro, as fortes desigualdades sociais existentes son, desde o noso punto de vista, os principais problemas a resolver para saír da crise. De feito, nas últimas décadas en Galiza, e no Estado español, asistimos a un forte medre das desigualdades sociais. Os datos do último ano da Axencia Tributaria non só nos confirman esta aseveración senón que demostran que no último ano as diferenzas se agravaron.