Unha gráfica ferrolá pretende amortizar as súas débedas despedindo a 29 traballadores

A CIG denuncia que Einsa acollerase á nova reforma laboral para modificar as condicións de traballo do persoal

A federación de Químicas e Enerxía da CIG vén de denunciar que a empresa ferrolá Einsa pretende facer fronte ás súas débedas despedindo traballadores e traballadoras, así coma rebaixando salarios, empregando para tal propósito a nova reforma laboral. Desde a central nacionalista rexeitan que sexan os empregados e empregadas as que teñan que amortizar este ano os créditos concedidos á compañía por valor de 44 millóns “en lugar de negociar coa banca”.

Segundo indica a CIG, a empresa sostén que ten previsto pechar este ano con 2,4 millóns de perdas, polo que debe adoptar medidas de aforro para cumprir coa banca e, así, facer fronte ás condicións que supón o pagamento do crédito sindicado de 33 millóns e dos créditos de Xesgalicia (catro millóns) e do Plano Miner (sete millóns), que suman un total de 44 millóns de euros.

Alén do despedimento de 29 persoas, a empresa tamén procura unha redución salarial do 7% sobre os soldos fixos (sobre os salarios do acordo social, sen se descolgar do convenio estatal), así coma outras medidas que esmorecen os dereitos adquiridos polas traballadoras e traballdores.