Unha manifestación reclamará o 14 o pago aos mariñeiros do caladoiro mauritano as axudas pactadas
Marín volverá, máis unha vez nestes últimos meses, acoller unha manifestación en apoio aos mariñeiros galegos do caladoiro mauritano, frota que foi expulsada a principios do verán por un convenio da UE co país norteafricano. Máis de 20 buques galegos se viron afectados pola decisión. O feito de que só 20 dos máis do cento de mariñeiros desa frota vaian cobrar en decembro as axudas comprometidas está na base da decisión de convocar unha manifestación o 14 de decembro a partir das 20:30 horas.
O responsábel de Mar da CIG, Xabier Aboi, sinalaba esta semana que os mariñeiros recibiron confirmación de que tan só 20 deles cobrarán as axudas pactadas entre os días 10 e 20 de decembro, entrementres o groso dos afectados (máis de cen persoas) terá que agardar até o mes de xaneiro para acceder ás prestacións. Neste sentido, Aboi lembrou que o compromiso do goberno español pasaba por pagar as contías acordadas ao conxunto dos mariñeiros e armadores antes de fin de ano.
Marxinación
Mariñeiros, armadores e CIG defenden que non hai razóns, "alén da incompetencia da Xunta e Madrid", que xustifiquen que os cefalopodeiros galegos non deban pescar nesas augas.
Neste sentido, desde a central nacionalista afírmouse que os argumentos de tipo biolóxico non son válidos. "Se fose así, que hai escasez de recursos, non entrarían os barcos chineses a substituir os galegos". Para alén disto, nestes dous últimos anos "houbo moi boas capturas, de bo tamaño e cun bo prezo".