O vacún de carne esixe á Xunta que manteña as axudas pactadas en 2008

© Fruga

Desde que o PP chegou á Xunta producíronse retallamentos do 45% no primeiro exercicio (2011) e do 75% no segundo exercicio (2012) namentres @s gandeir@s si acataron as esixencias do acordo asinado coa consellaría de Medio Rural durante o goberno bipartito e cunha vixencia de cinco anos.

 

Centos de gandeir@s mobilizáronse esta terza feira diante da delegación da Xunta da Galiza en Lugo contra o retallamento das axudas que recibían produtor@s de razas autóctonas en réximes extensivos. Convocad@s pola Federación Rural Galega, a Fruga, @s manifestantes rexeitaron os recortes continuados practicados polo PP desde que chegou ao Goberno galego en 2011. 

Así as cousas, sobre unha liña de subvencións asinada en abril de 2008 pola consellaría do Medio Rural co sector agrogandeiro e que tería unha vixencia de cinco anos, en 2011 a Xunta reduciu a cantidade nun 45% sobre a inicial, de 156 euros anuais por animal reprodutor. Con todo, foi na campaña correspondente a 2012 --que aínda se vén de resolver recentemente-- cando o Executivo que preside Núñez Feijóo "deixou ver o pouco que significa para el o sector vacún de carne galego", denunciou Elías Somoza, responsábel de sectores gandeiros da Fruga.

Sostén a organización agro-gandeira que son por volta do 75% das solicitudes de renovación as que quedaron fóra das axudas "unha vez que as explotacións afectadas si cumpriron coa súa parte das obrigas" de fomentar as razas autóctonas en base á superficie. A este panorama responde a campaña de accións de protesto emprendida pola Fruga en que denunciaron retrasos na resolución das subvencións, na notificación a través do Diario Oficial de Galiza e os erros que deron moitas das solicitudes aprobadas. 

O sector denuncia ''indefensión'' por mor da ''agresividade'' da Xunta

Por todo isto, cualifican de "indefensión" a situación en que se encontra o sector e chamaron a "deter a agresividade" con que a Xunta actúa "contra o vacún de carne".

Neste punto, recordaron a paralización de medidas coma os Banco de Terras --Bantegal-- ou "a falta de defensa dos intereses das granxas galegas" na reforma da Política Agraria Común --PAC--, que suporá aínda menos ingresos "sumada ao continuado incremento dos custos de produción e á conxelación dos prezos que reciben os labregos".