A fenda nos ingresos medios por fogar entre as comarcas galegas chega até un 30%

Só 5 das 20 áreas xeográficas do país teñen ingresos por riba da media mensual galega por fogar. A diferenza entre a que máis (A Coruña) e a que menos (Ourense Sur) está no 30%.

Galiza ten unha fenda interna, fenda que vai alargándose e que deuxa países distintos que deixan pegada en diferentes parámetros: poboacional, de idade e, tamén de ingresos. Así se recolle no mapa de ingresos medios mensuais por fogar de Galiza, que indica que só 5 das 20 áreas en que divide o noso territorio acadan ou superan esa media, outras 15 fican por baixo.

Este indicador sitúa ese ingreso medio mensual por fogar nos 1.915 euros para Galiza. Só ás áreas que inclúen algunhas das principais cidades de Galiza e a súa contorna superan esa media. A saber: as áreas da Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra e Vigo. Móvense entre o máximo de 2.111 euros de media por fogar na área coruñesa (abrangue as comarcas da Coruña e Betanzos) e os 1.915 da de Pontevedra.

Mais hai 20 áreas xeográficas que non acadan esa medias. Algunhas fican moi por baixo deses ingresos medios por fogar de Galiza, como son as de Ourense Sur (comarcas de  Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana). Aí eses ingresos son de 1.499 euros, un 30% inferiores aos da área da Coruña.

Fenda no PIB

Das 53 comarcas en que se divide Galiza só 11 teñen un produto interior bruto (PIB) por habitante que iguala ou supera a media do país. As 42 restantes fican por baixo dela. E cómpre lembrar que a riqueza por habitante en Galiza fica por baixo da media do Estado e moi por baixo da media da Unión Europea. Así pois, hai 42 comarcas galegas que, no que a PIB se refire, están descolgadas, con perigo de ficar desenganchada do evoluír do ámbito europeo.