Viño

'Ratiño galega', a nova variedade de uva branca admitida na DO Rías Baixas

Uvas utilizadas para producir viño coa DO Rías Baixas. (Foto: Avarand)
Modifícanse os requisitos obrigatorios das mesturas das variedades para as tipoloxías de viño Rías Baixas Roseira, Rías Baixas Salnés e Rías Baixas Ribeira do Ulla.

A Consellaría do Medio Rural publica esta terza feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) dúas resolucións polas que se aproban diferentes modificacións dos pregos de condicións da Denominación de Orixe Rías Baixas e as Indicacións Xeográficas Protexidas Barbanza e Iria que, entre outras cuestións, inclúe a variedade de uva branca 'Ratiño galega' á listaxe de admitidas para ambos os selos de calidade diferenciada.

Tal e como detallou a Xunta nunha nota de prensa, no caso concreto da DO Rías Baixas modifícanse os requisitos obrigatorios das mesturas das variedades para as tipoloxías de viño Rías Baixas Roseira, Rías Baixas Salnés e Rías Baixas Ribeira do Ulla. Neste senso, lembrou que estes viños poden levar, xunto co nome da denominación de orixe, outros nomes de zonas do seu territorio se, ademais de estaren elaborados en adegas do correspondente territorio, contan tamén con uvas desa área xeográfica e de determinadas variedades.

Así, a partir de agora, aqueles viños elaborados baixo o nome de Rías Baixas Roseira, elaborados e producidos na subzona do Rosal, deben ter unha porcentaxe igual ou maior a 70% dunha ou varias das variedades Albariño, Loureira e Caíño branco.

No caso de Rías Baixas Salnés —da subzona do Val do Salnés— e Rías Baixas Ribeira do Ulla —subzona da Ribeira do Ulla— terán que conter unha porcentaxe igual ou maior a 70% dunha ou varias das variedades Albariño, Loureira, Treixadura e Caíño branco.

Por outra parte, inclúese a citada variedade branca 'Ratiño galega' na listaxe das admitidas na elaboración dos viños da denominación de orixe Rías Baixas, xa que se realizaron os estudos que acreditan que se trata dunha variedade autóctona recoñecida. Así, a elaboración dos viños protexidos pola DO Rías Baixas realizarase exclusivamente con uvas das variedades Albariño, Treixadura, Loureira, Caíño branco, Torrontés, Godello e Ratiño galega para viños brancos, e Caíño tinto, Espadeiro, Loureiro tinto, Sousón, Mencía, Brancellao, Pedral e Castañal para os tintos.

IXP Barbanza e Iria

A maiores, o DOG tamén publicou esta terza feira a modificación no prego de condicións da IXP Barbanza e Iria, no que a variedade 'Ratiño galega' tamén queda incorporada á lista das brancas admitidas na elaboración dos viños amparados baixo este selo.

Ademais, a resolución contempla unha ampliación do ámbito territorial da IXP, integrándose nela a parroquia de Seira, en Rois (comarca do Sar), limítrofe coa área actualmente delimitada, que comprende os termos municipais de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga, así como as parroquias de Camboño, Fruíme e Tállara, en Lousame; as parroquias de Iria Flavia e Padrón, no concello homónimo, e as parroquias de Baroña, Caamaño, Queiruga, Ribasieira, San Pedro de Muro e Xuño, en Porto do Son.

Tamén se modifica o logotipo identificador destes viños de calidade para substituír a expresión 'viño da terra', vixente desde o ano 2006, polo de 'indicación xeográfica protexida', actualmente "máis recoñecido e que supón unha garantía da calidade dos viños desta comarca".