A 'vella' Pescanova deixa no ar os prazos e a contía final de responsabilidade civil pola súa quebra

Manuel Fernández de Sousa, á dereita, no xuízo (Foro: Europa Press).
A entidade empresarial entrega un informe de resultados á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) no que tamén indica que fechou o primeiro trimestre con 33.000 eurso de perdas.

A 'vella' Pescanova sostén que "non é posíbel fixar os prazos e contía final de responsabilidade civil" que corresponde a esta sociedade nas indemnizacións a accionistas pola quebra que condenou o Tribunal Supremo en 2023.

É que consta no informe de resultados correspondente ao primeiro trimestre de 2024. Nel, tamén hai unha referencia á sentenza do Tribunal Supremo, con data de febreiro de 2023, que condena ao ex presidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa-Faro a seis anos de prisión (rebaixada desde os oito anos de condena da Audiencia Nacional) como autor dun delito continuado de falsidade nas contas anuais en concurso medial cun delito tamén continuado de falseamento de información económica e financeira, así como por delito de alzamento de bens. 

Con todo, segundo sostén Pescanova neste informe trasladado á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) esta terza feira, "non é posíbel fixar os prazos e contía final de responsabilidade civil" para Pescanova SA debido a que "a propia sentenza da Audiencia Nacional difire a fixación das contías da responsabilidade civil fronte a determinados investidores ao trámite de execución de sentenza, de cuxa iniciación aínda non se nos notificou".

Neste sentido, apunta que se estima unha hipotética responsabilidade civil máxima de entre 165 a 200 millóns de euros. 

Perdas de 33.000 euros na 'vella' Pescanova

Pola súa parte, a 'vella' Pescanova fechou o primeiro apartado fiscal de 2024 (decembro 2023-febreiro 2024) con perdas de 33.000 euros, segundo informou tamén onte.

Estas perdas elévanse en 28.000 euros fronte aos 5.000 euros que supoñían no primeiro trimestre de 2023, segundo a información financeira publicada.