“A ver se temos que ir a Santiago coas lanchas como fixeron os gandeiros cos tractores”

O marisqueo arousán augura un 'outono quente' para a Xunta mentres que o cerco anuncia unha concentración da súa frota para protestar pola discriminación en cotas a Galiza.

A frase pronunciouna o patrón maior de Vilanova nunha xuntanza en Cambados de centos de mariscadoras a pé e de mariscadores a flote (rañeiros): “ Eu faría como os leiteiros, marcharía para Santiago coas embarcacións nos coches para berrar: os mariñeiros da ría estamos aquí”. Os aplausos que colleitou a suxerencia indican o ánimo existente entre o sector do mar da Ría de Arousa, que acumula varios anos 'nefastos' no libre marisqueo. Unha situación perante a cal, denuncian, a Consellería do Mar mantén unha indiferencia insultante, embora estar en xogo 4.000 postos de traballo na comarca. “Os mariñeiros de baixura están en perigo de extinción. A ver se o escoita a Consellería de Medio Ambiente, que seguro que así ao mellor nos botaban unha man”, ironizaba o patrón da Pobra nesa asemblea.

Esta sexta feira hai unha nova asemblea. O comezo do libre marisqueo en apenas 2 semanas leva a parte do sector a agardar até entón para ver se cambia o rumbo destes tres anos. Mais outra parte é partidaria de se mobilizar xa, porque todo indica que este ano vai ser igual de malo que os anteriores.

Non é o único sector do mar que está anoxado coa Xunta. A flota do cerco -máis de cen barcos e mil mariñeiros- mantén as mobilizacións polo reparto inxusto de cotas de diferentes especies -como o bocareu- para Galiza. Este sábado hai unha cocnentración en Portosín de barcos e tripulacións dos cerqueiros.