A vicepresidenta de Mercadona adquire 30% das accións da multinacional galega Grupo Malasa

Hortensia Herrero (Rober Solsona / Europa Press).
Esta empresa galega dedicada á fabricación de mobiliario foi fundada polos irmáns Javier e Antonio Pérez Patiño hai 30 anos como unha pequena ferraxería situada na costa da Tapia, en Cambre (comarca da Coruña).

Herrecha Investimentos, sociedade patrimonial propiedade da vicepresidenta de Mercadona, Hortensia Herrero, entrou no accionariado do galego Grupo Malasa, empresa con sede en Cerceda (comarca de Ordes) dedicada á fabricación de mobiliario a medida no Estado español e en Europa, tras a saída do cofundador Antonio Pérez Patiño e do fondo de investimento GPF.

A empresa foi fundada polos irmáns Javier e Antonio Pérez Patiño hai 30 anos como unha pequena ferraxería situada na costa da Tapia, en Cambre (comarca da Coruña), que foi crecendo "con éxito" até lograr na actualidade unha "gran carteira" de clientes e clientas, entre os que se atopan recoñecidas multinacionais de supermercados e de hostalaría.

Actualmente, a súa sede atópase en Cerceda. En 2018, froito do crecemento que experimentara a empresa, as familias propietarias venderon unha participación minoritaria ao fondo de investimento GPF, que acaba de vender o seu paquete accionarial tras unha etapa de seis anos de relacións comerciais "moi frutíferas".

Esta substitución no capital da multinacional galega coincidiu tamén coa saída do accionariado do maior dos irmáns, Antonio, que se dedicará a actividades alleas á empresa nunha nova faceta profesional.

Neste escenario entrou como novo socio comercial Herrecha Investimentos cunha participación minoritaria de 30%, mentres que a maioritaria pertence a Javier Pérez Patiño. Á fronte das operacións e das decisións de Grupo Malasa manterase Javier Pérez xunto coa nova xeración da familia, co que se realiza así a substitución que leva xestándose nos últimos anos.

Desde a compañía asegúrase que, para as súas máis de 1.000 empregadas e empregados, situados entre a Galiza, o Estado español e México, e os seus máis de 90 clientes e clientas, a substitución de accionistas "non suporá ningún cambio na actividade, que continúa asentada igual que durante os últimos 30 anos".

Con esta nova configuración, o grupo empresarial "busca novos retos e potenciar o crecemento que levan experimentando nos últimos anos da man de Herrecha Investimentos", á vez que transmite o "profundo agradecemento" á figura de Antonio Pérez e a GPF.