Viticultoras da Ribeira Sacra prevén o abandono de vides pola crise de excedentes: "Ter só gastos non é sostíbel"

Traballos de vendima en vides da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, nunha imaxe de arquivo. (Foto: DO Ribeira Sacra)
As adegas confirman que non recollerán uva externa neste ano.

Unha crise de excedentes na Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra ameaza con levar por diante centos de pequenas e medianas viticultoras e viticultores e con provocar un impacto sen precedentes na cultura vitivinícola da zona, motor turístico da rexión. O que era un segredo a voces confirmouse a pasada sexta feira, 23 de agosto, a escasas semanas da vendima.

Se ben o ano pasado algunhas adegas xa non recolleron o total da uva producida, neste 2024 a situación complicouse en extremo. A comezos de ano o Consello Regulador da DO indicou aos produtores que na Ribeira Sacra sobraba un millón de quilos de uva. Agora, tal e como indicaron desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), viticultoras da Ribeira Sacra comezaron a recibir cartas e chamadas confirmando a negativa das adegas a recoller a uva. "O viño almacenado como consecuencia de adquirir toda a uva producida nos anos post Covid-19, moi superior ás necesidades para satisfacer a demanda, lévanos á imposibilidade de coller uva externa este ano", afirma unha das adegas nunha misiva remitida a un viticultor.  

"Non se vai vender nin un quilogramo de uva", sinala a Nós Diario David, viticultor profesional na Ribeira Sacra. "Aos pequenos produtores, persoas que xeran ao mellor 1.000 ou 2.000 quilos de uva xa lles dixeron hai tempo que non lles recollerían a uva. Pero aos que temos máis produción avisáronnos hai 15 días ou unha semana. Estiven 'tanteando' varias adegas e xa teño claro que este ano non vendo uva", explica.

A situación abocará os produtores e as produtoras a abandonar as vides "porque ter só gastos e non ingresos non é sostíbel". "Eu non o podo deixar todo, pero é posíbel que deixe mais da metade porque isto non se dá", lamenta David. Deste modo, a crise de excedentes da Ribeira Sacra pon en perigo a economía de todas as bisbarras que abrangue a Denominación de Orixe, pois "o viño aquí reparte moitos cartos", non só para profesionais do sector, senón tamén para pequenos e medianos viticultores que, como sinala David, que producen menos de 6.000 quilos. "Os cartos da uva utilízanse mesmo para comprar subministracións para outras actividades e incluso para pagar pisos", indica. "Se estes cartos non entran na economía as comarcas van levar un golpe bastante importante". 

Atallar a crise 

Produtoras e sindicatos exixen á Xunta da Galiza e ao Consello Regulador, así como "a todos os axentes implicados", accións urxentes para pór solución á crise que padece a DO. Neste sentido, o presidente da Asociación Galega de Viticultores, Roberto Rivas, sinalou a Nós Diario que "a solución é facer moita promoción dos viños da Ribeira Sacra e que a Administración poña toda a carne no asador para que os stocks de uva non queden colgados".

As afectadas poñen o foco en salvar a colleita deste ano, mais tamén teñen a vista posta no futuro. A situación do sector do viño en Europa é complexa e tendo coñecemento da existencia deste excedente na Ribeira Sacra, as persoas produtoras non entenden que non se tomaran medidas con antelación. "Se non facemos algo xa, o problema vai seguir estando aí", sinala David.

Críticas á inacción de Medio Rural para pór freo ao problema

Poda en verde para baixar rendementos, destilación de crise, limitar plantacións, unha campaña de promoción importante diferenciando a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, un mapa claro que permita coñecer con certeza os límites da DO, un estudo dos custos de produción de uva, estratexias de adaptación a novos hábitos de consumo ou incluso produción de viños de nova tipoloxía baixo o selo da Denominación de Orixe son algunhas das medidas que demandan das Administracións competentes produtores e sindicatos, que denuncian ademais a inacción da Xunta da Galiza para pórlle solución a este problema.

"Non pode ser que o ano pasado a única proposta do conselleiro [o ex titular de Medio Rural José González] fose desexar a chegada dunha saraibada para que se arranxe todo", sinala David a Nós Diario.