Volanteiros acampan ante a Xunta para denunciar as cativas cotas para a pescada

Imaxe: D. Rodas

Denuncian que co cupo actual de captura é imposíbel facer fronte aos custes da actividade.

Armadores de buques de Cedeira, Corme e Laxe que pescan a pescada con volanta están acampados ante San Caetano, sede da Xunta de Galiza, nun protesto co que queren denunciar a “ridícula” cota que posúen actualmente e reclamar unha ampliación da mesma. Estes armadores sinalan que non van deixar a acampada até que desde o goberno galego lles dean unha resposta ás sús peticións, sinalando que o protesto parte da difícil situación desta flota.

Cada barco ten unha cota anual de 35 toneladas de pescada, unha cantidade que califican de insuficiente e que reclaman que se amplíe a 100 toneladas. Botan contas e lembran que coa cota de 35 Tm logran uns ingresos de 100.000 euros anuais. E iso non alcanza para facer fronte aos salarios dos mariñeiros, seguridade social, redes e aparellos, licenzas, mantemento, gastos, etc... Ademais, apontan, hai un problema engadido: as multas e sancións de até 25.000 euros por sobre-explotación.

Para debater esta situación, os armadores solicitaron unha xuntanza coa conselleira do Mar e co presidente da Xunta.