Xa son 267.812 @s galeg@s sen emprego

O paro volveu aumentar en Galiza
A cifra elevaríase até os 285.196 de se contabilizar as e os parados en cursos de formación. Os datos de paro rexistrado de outubro revelan que o desemprego se incrementou en Galiza nun 3,2%, un aumento superior ao rexistrado no conxunto do estado. O mes pasado 8.439 galegas e galegos perderon o seu posto de traballo.O 42,1% das persoas desempregadas en Galiza non perciben ningún ingreso. Estas cifras serían resultado da queda produtiva derivada do descenso no consumo, por mor das políticas de recortes e o empobrecemento de salarios e pensións.

 

O desemprego en Galiza xa atinxe 267.812 persoas. Serían 285.196, de se incluír o total de demandantes de emprego non ocupados (DENOS) --aquelas persoas desempregadas que por realizaren actividades de formación non son computadas. Un record histórico de paro no noso país que chega tras un incremento do 3,2% no mes de outubro. O mes pasado 8.439 galegas e galegos perderon o seu posto de traballo. Nesta altura rexístrase un 10,6% máis de paro que hai doce meses, xa que no último ano foron máis de 25.000 as persoas que quedaron sen emprego.

Doutra banda, do total de persoas desempregadas só 150.374 cobran algún tipo de prestación, polo que o 42,1% das persoas desempregadas en Galiza non perciben ningún ingreso situando milleiros de fogares galegos en risco de pobreza e exclusión.

Continúa e agrávase a destrución de emprego no noso país. O sector máis castigado volve ser o de servizos, onde se perderon máis do 76% do total dos empregos, sumando 6.479 parad@s máis. Aliás, o aumento do desemprego atinxe todos os sectores sen excepción.

As provincias galegas máis castigadas polo paro son Pontevedra e A Coruña, con máis cen mil desempregad@s. En Lugo e Ourense hai entre vinte cinco mil e trinta mil parad@s respectivamente.

Asemade, en Galiza segue a medrar máis o desemprego que no conxunto do estado. A nivel estatal o paro subiu un 2,7% sobre os datos do mes de setembro, e xa roza os cinco millóns de persoas desempregadas (4.833.521). En 15 das 17 comunidades autónomas hai máis paro que o mes pasado, con Andalucía e Castela-A Mancha na cabeza. Só en Canarias e Valencia aminoraron as cifras de desemprego.

Menor afiliación á Seguranza social

A Seguranza social perdeu 73.077 afiliadas e afiliados en outubro en comparanza co mes de setembro. A caída interanual é dun 3,59%, con 623.586 ocupad@s menos que hai un ano. Tamén descendeu o número de traballador@s autónomos ou por conta propia, desta volta con 5.953 afiliacións menos.

En Galiza a afiliación á Seguranza social retrocedeu nun 3,7%, con 7.600 afiliad@s menos.

Máis precariedade

En outubro asináronse a nivel de estado un total de 1.427.173 contratos laborais, un 10,22% máis que en outubro de 2011. Porén, só o 9,1% (130.632) foron indefinidos, e entre estes foron máis a tempo parcial (cunha suba do 58,69%) que a xornada completa.

Os datos de desemprego e máis a precariedade laboral que se extrae da temporalidade nos contratos, e do ascenso dos traballos a tempo parcial, concordan coas advertencias e críticas sinaladas desde as centrais sindicais a respecto dos efectos das sucesivas reformas laborais, das cales denunciaban que no canto de fomentaren o emprego facilitarían a súa destrución.

CIG, UGT e CCOO coinciden en denunciar que a reforma laboral é en boa medida responsábel da situación

Neste sentido vén de se pronunciar a CIG. O seu secretario confederal de Emprego e Industria, Antonio López Rivera, denuncia a "inutilidade da reforma laboral" para crear emprego. "Moi ao contrario, o único que está a favorecer é o incremento constante do paro e a xerar unha alarmante precariedade laboral", acrecenta. Desde a central sindical nacionalista cualifican as cifras como "desoladoras" a amosan a súa preocupación dado que "o perigo de exclusión social é cada vez maior para miles de galegas e galegos". 

A opinión é compartida polos sindicatos estatais. Na UGT-Galicia interpretan os datos como a consecuencia dunha "reforma laboral inútil e lesiva sobre todo polas fórmulas de despedimento fácil e barato impostas", así se recolle nun comunicado do seu Responsábel de Formación e Emprego, José Domingo Barros. Pola súa banda, Maica Bouza, secretaria de emprego de CCOO en Galiza demanda a Núñez Feijóo "un cambio nas políticas" coas miras postas na "reactivación económica e a creación de máis emprego e de calidade". 

A política de recortes afoga a economía

A caída no consumo interno, resultante do empobrecemento de salarios e pensións e do alto nivel de paro, sería a responsábel da queda produtiva que provoca o cesamento de actividade dun importante número de empresas e negocios e a destrución de postos de traballo. Numerosos expertos advirten que insistir na actual política de recortes e austeridade agravará esta tendencia.

A este respecto a CIG lembra que desde o incio da crise defendeu que “as políticas de austeridade, lonxe de reactivar a economía están a provocar a súa cada vez maior contracción, aumentando de forma imparábel o desemprego, os índices de pobreza e de exclusión social”.