Xustiza

Un xulgado de Betanzos condena Inleit por incumprir prezos lácteos en acordos con gandeiros

Factoría de InLeit en Curtis. (Foto: Inleit)
A sentenza considera "acreditado" o incumprimento do pago do prezo convido por parte de Inleit.

O xulgado número dous de Betanzos (As Mariñas) vén de condenar a empresa láctea Inleit a pagar 3.736 euros, máis intereses e costas xudiciais, por alterar de forma unilateral e inxustificada os acordos sobre prezos lácteos coa Gandaría Fornos de Castroverde (comarca de Lugo).

A sentenza sinala que resulta "acreditado" o incumprimento do pago do prezo convido por parte de Inleit. Contra este auto, con data de 23 de maio de 2024, cabe presentar recurso diante da Audiencia Provincial da Coruña.

Desde o sindicato Unións Agrarias apuntan que a sentenza "desmontan todas as escusas da empresa para reter parte dos ingresos que debía liquidar coa citada granxa". E remarcan que "nin a pandemia da Covid-19 nin as obras da planta industrial de Inleit supuxeron motivo para que a empresa deixase de cumprir os acordos subscritos no contrato".

Ademais, UUAA subliña que esta industria, situada en Curtis (As Mariñas), "xa foi sancionada por este mesmo tipo de prácticas noutra demanda" presentada por unha explotación de Portomarín (comarca de Lugo), en ambos os casos con asesoramento xurídico da organización agraria.

Aliás, Unións Agrarias fai un chamamento á Consellaría do Medio Rural para que "vixíe o comportamento comercial de determinadas empresas transformadoras do sector lácteo que desde hai máis dun ano están a forzar baixadas nas cotizacións do leite en orixe e que xa acumulan un montante de 14 céntimos por litro desde marzo de 2023", unha caída "completamente inxustificada", din.