Xunta: 5 anos de erros nas previsións sobre paro e crecemento económico

Operarias nunha carpinteiría industrial

Os obxectivos anuais marcados polo goberno Feijóo desde 2010 canto a emprego e crecemento nunca se cumpriron. Os que o presidente marcou para 2015 semellan levar mesmo camiño.

 

Esta semana coñecéronse os dados de comportamento da economía galega en 2014: un medre do 0,4%, un punto por baixo da medida estatal (o PIB español creceu un 1,4 por cento) e, o que é salientábel, a metade do que a propia Xunta prevía que ía medrar. A conselleira de Facenda ditaminou no pasado outono que a economía galega crecería un 0,9%, variando así as súas propias previsións duns meses antes nas que afirmaba que medraría un 1,2 por cento.

Non foi este un desacerto puntual. Desde 2009, co primeiro orzamento feito polo executivo autonómico de Núñez Feijóo, nunca acertou a Xunta do PP nas súas previsións e plans de emprego e medre económico. En outubro de 2009 -apenas 5 meses despois de desembarcar en San Caetano- os populares presentaron os Orzamentos de Galiza para 2010. Fixaban o medre económico para ese ano nun 0,2% e a taxa de desemprego nun 15%. O 2010 díxonos adeus cun desemprego que rozaba o 16 por cento e o crecemento da economía do país ficou na metade (0,1%) do previsto polo goberno galego. O escenario volveu se repetir nos Orzamentos para 2011. O executivo galego presentounos cifrando nun 1% o medre que a economía ía experimentar ese ano e fixando nun 15 por cento a taxa de parad@s que habería no encerramento dese ano. Esta taxa foi na realidade do 18,3% e a economía de Galiza creceu un 0,5%, outra vez a metade do previsto.

Erro tras erro

Chegaron os Orzamentos do 2012, coa crise batendo con dureza en Galiza, e os cálculos e previsións elaborados polo PP nos Orzamentos para ese exercicio volveron marrar. A Xunta situou o horizonte do desemprego para cando rematase ese ano nun 16,4% (e ultrapasou o 21%!) e a economía caeu en máis dun un por cento.

O mesmo aconteceu en 2013: a economía reduciuse máis do previsto polo goberno de Feijóo e o desemprego aumentou máis do calculado polo executivo. En 2014, igual, se ben na taxa de paro o comportamento foi mellor do previsto.

E 2015? Na presentación dos Orzamentos para este ano a conselleira de Facenda e o presidente da Xunta dixeron que o PIB galego ía medrar un 2% e o paro vai reducirse até o 20 por cento.