Os 60 millóns do CPFF ficarán en principio sen gastar

A Xunta autolimítase ao orzamentar un déficit do 0,5 por cento

Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Foto: Irene Pin

Como estaba previsto, o goberno galego aprobou esta sexta feira o proxecto de orzamentos cunha hipótese de déficit do 0,5 por cento. Isto é, a Xunta non utiliza a décima a maiores que aprobou esta quinta feira o Consello de Política Fiscal e Financeira, após o acordo PP-PSOE. Iso significa que en principio renuncia a gastar 60 millóns de euros, o que resta forza á tese oficial de que estamos ante uns orzamentos expansivos.

Expansivos, mais menos. É certo que os orzamentos aumentan nun 2,9 por cento a respeito de 2016 (uns 259 millóns de euros, até completar un total de 9.063 millóns de euros), mais é tamén verdade que a Xunta non aproveita toda a marxe de gasto que esta quinta feira o CPFF resolveu conceder ás comunidades autónomas. Con efeito, a Xunta orzamentou un déficit público do 0,5 por cento, unha décima menos do pactado onte por PP e por PSOE en Madrid. Esa décima de máis facultaría a administración galega para investir 60 millóns de euros máis e tapar os buracos criados durante estes anos de tesouradas. Non será así, o goberno galego prefire continuar a ser o primeiro da clase na ortodoxia fiscal. Iso non significa -deixouno entrever onte o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez- que durante a execución orzamental a Xunta non poda acabar facturando esa décima e tirando de crédito para chegar ao 0,6 por cento.

A outra cifra significativa do orzamento é a débeda pública prevista. Fica no 18,8 por cento. Aí a Xunta colócase moi por debaixo do teito marcado polo CPFF, que tolera ás comunidades autónomas un endebedamento do 24,1 por cento como máximo. Esta autocontención do goberno galego ten ben pouco de expansiva: o teito de débeda podería elevarse case en 5 pontos do PIB galego, o cal poría en mans da administración galega por volta de 2.500 millóns de euros máis (Galiza debe 10.375 con dados de 2015).

A respeito da hipotética criación de postos de traballo, o proxecto de lei prevé 20.000 novos empregos na Galiza.