DENUNCIA DA FRUGA

A Xunta bota perder fondos por 5 millóns de euros para o rural galego

A Federación Rural afirma que 4,9 millóns de euros procedentes do Feader non poderán ser empregados por non utilizalos a Consellería dentro do prazo estipulado.

A Xunta botou a perder perto de cinco millóns de euros que tiñan como destino o desenvolvemento do rural galego. Así o denuncia a Federación Rural Galega (Fruga), que responsabiliza a “ineptitude” da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural – entidade dependente da Consellaría de Medio rural- de “provocar a perda de 4,9 millóns de euros procedentes dos fondos FEADER da programación do PDR 2007-2013”.

O sindicato agrario afirma que a perda destes fondos ven provocada por non facer uso dos mesmo nos dous anos posteriores á anualidade a que correspondían, 2012. Eses cartos tiñan que se gastar antes de que rematara o ano 2014, “polo que ao non ser utilizado xa se perdeu”. “Só a falta de dilixencia explica que o rural galego veña de perder 4,9 millóns de euros.”, insiste a Fruga.

Fruga tamén denuncia que o pasado 11 de novembro a Comisión Europea remitiu á Xunta da Galiza un documento titulado “Observacións sobre o Programa de Desenvolvemento Rural de Galiza”, por medio deste documento a Comisión devolveu o PDR presentado pola Xunta, para o período 2014-2020, alegando varios motivos, en concreto 418 observacións.

O motivo fundamental ten a ver, afirma o sindicato agrario, “co déficit democrático con que foi elaborado". Desde a UE notificáselle á Xunta que a elaboración do PDR ten de ser feito co consenso das organizacións sociais que actúan no mundo rural”.