A Xunta insta a usar insecticidas contra a flavescencia dourada
Afectadas as comarcas do Ribeiro e Celanova.
A Xunta da Galiza instou onte o sector agrícola a que aplique tratamentos insecticidas contra o vector da flavescencia dourada da vide nas comarcas de Celanova e O Ribeiro. Segundo explican nun comunicado, esta doenza está provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma, que provoca a morte das plantas de vide, e transmítese por un insecto vector chamado Scaphoideus titanus.
A Administración galega sinala que, desde maio, está a realizar un seguimento da evolución deste insecto e indica que agora "é o momento máis apropiado para aplicar os tratamentos insecticidas, obrigados na zona demarcada e recomendados nas zonas vitícolas próximas a estas".
O 17 de novembro de 2023 publicouse a resolución na que se ampliou a zona infestada e demarcada e establécense medidas obrigatorias.
Na actualidade comprende os concellos de Arnoia e Cortegada (O Ribeiro); e na comarca de Terra de Celanova afecta os concellos de Padrenda, Pontedeva e as parroquias da Guía, O Pao, San Lourenzo e Penosiños, no concello de Gomesende; e as de Leirado, Mociños e Redemuíños en Quintela de Leirado.