A Xunta non acatará as sentenzas sobre a extra de 2012 mentres non se pronunciar o TC

A conselleira de Facenda explica que cumpre ordes de Madrid. As resolucións xa publicadas son favorábeis ao persoal laboral que depende de Portos de Galiza, do V Convenio da Xunta de Galiza, das tres universidades, de Seaga, de Turgalicia e da CRTVG; así coma ao persoal funcionario pertencente ao Sergas e ao ensino


 

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, comunicou ás organizacións sindicais que a Xunta da Galiza non pagará a parte da paga extra de 2012 namentres non dite sentenza o Tribunal Constitucional. Foi durante un encontro conxunto a petición dos sindicatos con representación na Mesa xeral da función pública --CIG, CC.OO., CSI-F e UGT--, xuntanza que tiñan solicitado co director xeral desde novembro de 2013 e para a cal non tiñan recibido resposta.

Querían saber como pretendía o Goberno galego dar cumprimento ás numerosas sentenzas que obrigan a devolver a parte indebida da paga extra que non se abonou aos e ás traballador@s públic@s. Sentenzas que xa saíron publicadas e que son favorábeis ao persoal laboral que depende de Portos de Galiza, do V Convenio da Xunta de Galiza, das tres universidades, de Seaga, de Turgalicia e da CRTVG; así coma ao persoal funcionario do Sergas e do ensino.

As centrais sindicais instaron a que o pagamento se faga efectivo de inmediato. Así mesmo, demandou que se deran instrucións para que todos os organismos e administracións dependentes da Xunta procedan xa a facer esta devolución. Fixeron extensiva esta demanda aos concellos, onde tamén hai sentenzas favorábeis e denunciaron os custos que a vía xudicial está provocando á administración, que en moitos casos son superiores ao que custaría facer efectiva a parte correspondente á paga extra de 2012.

Malia isto, a conselleira de Facenda xustificou a súa negativa a acatar as sentenzas argüíndo que a decisión deriva dun Real Decreto estatal que obrigaba á Xunta a aplicalo e que ten orde do Estado de agardar a que se dite sentenza firme do Constitucional. Sinalou, ademais, que non pode pór en marcha ningunha iniciativa propia porque dependen das decisións que se adopten a nivel de Estado. Porén, si puido o Goberno galego presentar recursos a todas as sentenzas nas que cabía presentalo, tanto as referidas a persoal laboral como a persoal funcionario.

"É unha irresponsabilidade e un abandono das súas funcións como goberno galego depender das ordes que tome o goberno de Madrid", explicou a voceira da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, quen acrecentou a esixencia transladada á Xunta de que faga valer as competencias que ten para acatar as sentenzas.