Consello da Xunta

A Xunta quere volver pór no mercado 200 dereitos mineiros caducados

Protesta veciñal contra a mina de San Acisclo. (Foto: Nós Diario)
Rueda pide aproveitar a alta demanda de minerais.

O Consello da Xunta da Galiza aprobou o Plan de desenvolvemento de dereitos mineiros, unha iniciativa que vai a examinar os ao redor de 200 dereitos para minaría —de permisos de explotación a concesións—que están caducados. A idea do Goberno galego é examinar a situación e na medida do posíbel volver sacalos ao mercado. "As empresas interesadas poderían solicitar os permisos para explorar os recursos e despois a concesión para explotalas", indicou Alfosno Rueda, que indicou que os proxectos deberían se realizarse "con métodos sustentábeis".

O presidente galego incidiu en que a Galiza é "líder" en minerais como a rocha ornamental, o granito ou o cuarzo. Tamén destacou que certos materiais "de moito interese para sectores estratéxicos" están presentes na  Galiza, citando o cobalto, tántalo ou magnesio.

Vivenda

O Consello da Xunta deu esta segunda feira o visto e prace a destinar 43,2 millóns de euros á primeira fase da estratexia coa que prevé crear 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres. En concreto, a partida irá destinada á adquisición de solo urbanizábel.

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, indicou que a previsión é alcanzar 3,3 millóns de metros cadrados de chan e destacou que o chan urbanizado destinarase á construción de vivenda de promoción pública, que levará a cabo o Instituto Galego de Vivenda e Solo, e de promoción autonómica, que abordarán promotores e cooperativas. Para as 20.000 vivendas protexidas recollidas na estratexia, estímase unha distribución territorial de 4.320 na área urbana da Coruña; 1.600 na de Lugo e de Ourense, respectivamente; 1.760 na de Pontevedra; 7.360 na área urbana de Vigo; 2.000 na de Santiago; 960 na de Ferrol e 400 en Vilagarcía de Arousa.

Auga

Tamén aprobou o Consello da Xunta destinar 7 millóns de euros para planificar a xestión de recursos hídricos na Galiza até 2033; un proxecto piloto do cribado do cancro de próstata, que comezará en Ferrol para a vindeira semana; ou un Plan integral de atención psicolóxica para vítimas de violencia machista. O obxectivo deste plan é atender máis de 3.000 persoas nos varios programas que desenvolverá.