A Xunta usa a autonomía fiscal para gravar as rendas baixas e privilexiar as altas

Galiza é dos territorios do Estado cos tipos máis reducidos para quen gaña máis de 110.000 euros anuais. Pola contra, é das comunidades co gravame máis alto para quen menos cobra. Un modelo de fiscalidade ao gosto do actual goberno galego.

 

Unha persoa rica (máis de 200.000 euros brutos anuais) pagará en Galiza, e polo tramo autonómico do IRPF, entre 2.000 e 3.000 euros menos dos que pagaría en boa parte dos territorios do Estado, sexan estes gobernadas polo PSOE (Andalucía), PP (Cantabria, Extremadura) ou nacionalismo conservador (Catalunya). Se esta persoa fose aínda máis rica (máis de 300.000 euros brutos anuais), en Galiza tributaría na parte correspondente ao IRPF 'autonómico' uns 6.500 euros menos que en boa parte das autonomías. Galiza, logo, 'aloumiña' a aqueles que máis teñen. Pola contra, grava a aqueles que menos.

O Rexistro de Asesores Fiscais, que fai parte do Colexio Oficial de Economistas de España, publicou un estudo sobre fiscalidade autonómica. Un documento que analiza os diferentes territorios e que tipos impoñen ás diferentes rendas. Galiza figuraba entre aquelas cun gravame máis alto para as rendas máis baixas (até 20.000 euros). 

Pola contra, na listaxe dos territorios que poñen os tipos máis reducidos para aqueles que máis gañan (por riba de 110.000 euros), Galiza ocupa o terceiro posto.

Patrimonio

Esta realidade complétase con outro dato ilustrativo do modelo fiscal elexido polo goberno galego: o imposto sobre patrimonio. Unha persoa que teña un patrimonio por 800.000 euros paga en Galiza o 0,025%, ou sexa, apenas 200 euros. Tamén aquí o noso país está entre os territorios máis benévolos coas persoas que máis teñen.

A Xunta aposta nun modelo, dentro da limitade capacidade competencial na materia que ten este autogoberno, no que en termos de proporcionalidade non paga máis o que máis ten. A isto engádese que as decisións de rebaixa fiscal (como a anunciada en outubro 2013 para aplicar no ano en curso) apenas teñen impacto social, pois non afectan as rendas máis baixas. 

Publicado na íntegra no Sermos Galiza nº85