Pagar por deixar de pescar: A Xunta destina 33.500 euros/día ao despezamento de barcos pesqueiros

As subvencións para despece de pesqueiros é un dos anacos máis grandes do 'pastel' dos orzamentos destinados ao sector do mar galego. Desde 2009 até 2013 destináronse máis de 62 millóns de euros a sacar barcos do mar para despezalos.


 

 

De 2009 a 2013 a Xunta destinou máis de 62 millóns de euros ao que cualifica como "paralización definitiva da flota de altura" e popularmente se coñece como despece de barcos pesqueiros. Para o presente 2014 o Diario Oficial de Galicia (DOG) anunciou 13,3 millóns de euros destinados o despece de buques da flota de altura galega. Mesmo especifican quen terá preferencia: os barcos do plan de recuperación da pescada e a cigala. A eses 13 millóns hai que engadir o montante que falta: o dirixido a despezamento de embarcacións de baixura.

Nestes últimos cinco anos, coincidindo co goberno de Núñez Feijóo, destinouse unha media de 33.500 euros diarios a tirar os barcos do mar e mandalos o desguace. Cartos que son co-financiados polo Fondo Europeo da Pesca. É unha das principais partidas para Galiza. “Destruír'' barcos.

De feito hai comarcas onde o groso do diñeiros que se destina para pesca e acuicultura é o referido a despezar embarcacións. Así aconteceu na Mariña en 2012. Do millón e medio de euros que se destinaron a esta zona nese exercicio, o 64% foi para desguazar barcos.

Para que?

A Unión Europea manterá até decembro de 2017 as axudas para despezamento, recuando na intención que manexaba a Comisión de Pesca desde hai anos de poñerlles fin en 2013.

O ano pasado, o 2013, foi no que máis solicitudes se presentaron polo sector do mar para despezar os barcos: 151, tanto de embarcacións de baixura como de buques de altura. No exercicio anterior, 2012, esa cifra fora de 76 peticións.

O BNG solicitou en máis dunha ocasión a paralización dos despezamentos, e tamén dos cambios de abandeiramento, para evitar a desaparición da flota galega.

Nunha década Galiza perdeu o 20% da súa flota

En só unha década Galiza perdeu máis do 20% das embarcacións da súa frota pesqueira. Unha 'reestruturación', como a cualifican desde as diferentes administracións, sexa europea, estatal ou autonómica; que se levou por diante uns mil trescentos barcos en 10 anos. En concreto, 1.361, segundo os propios datos oficiais da Xunta dispoñíbeis no rexistro de buques pesqueiros.

Así pois, e de media, cada dous ou tres días Galiza tiña unha embarcación pesqueira menos. En 2004 eran 5.565, das cales 4.867 eran do sector de 'artes menores', o tradicional, que faena perto da costa e é o sostíbel ambiental e socialmente. En 2014 hai 4.204 embarcacións. De 'artes menores' ou baixura, 4.017.