A campaña en 140 caracteres

A ninguén se lle escapa que nunha campaña de 15 días compre poñer a andar todos os medios para presentarse diante da cidadanía. Candidatos e candidatas vense na obriga de moverse polas redes sociais e darse a coñecer a través de 140 caracteres.

En 140 caracteres só é de agardar a mensaxe directa, asinada de maneira persoal por candidatas e candidatos. Mália iso, en poucas ocasións descenden ao ámbito persoal, a trasladar sentimentos, gustos ou debilildades. Maiormente, mantéñense no seu posto, transmiten ideas forza da campaña, actos do día e un caderno de bitácora que se centra na axenda de campaña. Da Coruña a Ribadeo, de Ferrol a Ourense. Para coñecer a rota das súas caravanas, nada mellor que dirixirse ás súas contas persoais no twitter.

Quen aspira a ser Presidente garda con coidado o seu ámbito privado. Poucos datos se poden coñecer a través da súa presenza na redes sociais. Case todos anotan xa na presentación que os seus perfís están xestionados non só por si propios senón tamén polo equipo que os acompaña na campaña. Os chios preséntanse así como unha ferramenta máis para dar a coñecer os programas electorais, unha presenza obrigada na que, maiormente, falta alma e complicidade.

A recente entrada en twitter da maior parte apréciase como un elemento máis do propio nomeamento. Navegan pola Rede as persoas que aspiran a presidir a Xunta e, de súpeto, vense abraiadas por centos, milleiros ás veces, de seguidoras e seguidores. En cambio, non corresponden coas persoas que teñen a ben andar tras os seus pasos. Só Francisco Jorquera e Pachi Vázquez siguen a máis de 1000 persoas en twitter. Feijóo, Beiras, Bascuas ou Yolanda Castaño andan por baixo dos 160, cifra a moita distancia das persoas que teñen a ben coñecer os seus comentarios na rede. Mario Conde sigue a 414 persoas, a anos luz, de todas maneiras das máis de 74.000 que andan tras del.

Poucas sorpresas en cada un deles. A corrección e a contención é a tónica que predomina na maior parte dos chíos. O candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo esquece a elocuencia na súa aparición nas redes. Avisa, iso sí, que os seus chíos personais veñen identificados cun ANF, mais poucos ANF aparecen nas tamén escasas mensaxes da súa liña de tempo A última, a dedicada a Castelao Bragaña escrita, como case todas, en español. “Lo dicho por el ex Presidente del Consejo Ciudadanía es inadmisible y ha hecho lo que debía al disculparse y dimitir”. Pouca máis comunicación coas iniciais do seu nome, alén do agradecemento a Esperanza Aguirre despois da súa dimisión.

Contención tamén en Pachi Vázquez. Poucos datos fóra das súas frases entrecomiñadas de discursos públicos e do retwitteo constante a Rubalcaba. “Xa con moitas ganas” inicia a campaña, nun dos poucos alardes de transmitir o estado de ánimo do candidato.

Un vicio, como as pipas

O cabeza de cartel do BNG entrou tarde en twitter pero con ansia. Comenta o seu proceso de iniciación e todas as sorpresas que lle depara a rede. “O twitter é un vicio, cando te pos é como comer pipas, que non paras!” anota nun dos seus múltiples comentarios. Tanto introduce as ideas do seu programa como narra o vivido en cada un dos mítines. Comparte a súa aficción aos Beatles e moito que lle parecen os 14 euros de peaxe da autopista das Rías Baixas. Sen dúbida, un twitter con vontade de comunicar ao candidato coa cidadanía cun discurso persoal.

Xosé Manuel Beiras, portavoz de Anova, visita pouco o seu twitter e os chíos que introduce diríxense maiormente ao goberno do PP. “Imos varrer ao PP con vasoiras de xestas”, “Desaloxemos aos escravos de San Caetano” ou “Combatendo ao fascismo plutocrático” son algunhas das súas mensaxes”. Só unha mensaxe en primeira persoa atopamos nos seus chíos: “Sigo sendo o mesmo. Estou onde hai que estar”.

Orixinal e directo se mostra, pola contra, o candidato de Compromiso por Galiza, que se presenta como “comprometido, e moito, co meu país”. Alén das mensaxes de texto, Bascuas introduce no seu twitter videos domésticos nos que grava a súa mensaxe directamente á cámara construíndo unha “bitácora virtual” das súas xornadas de campaña. “Hoxe foi unha xornada de bocadillo sobre rodas...” comeza un deles.

“Nací en Tui, una preciosa ciudad del sur de Galicia...” escribe como presentación Mario Conde, nun twitter no que o galego está completamente ausente.