A Xunta Electoral reprende máis unha vez o goberno de Feijóo

Após exixir a retirada da campaña publicitaria 'A Galiza do futuro depende de nós', a Xunta Electoral lémbralle ao goberno de Núñez Feijóo que a súa posta en escena do contrato con Pemex supón unha infracción da LOREX.

Xa son varias as ocasións en que a Xunta Electoral reprendeu o aínda goberno da Xunta de Galiza por vulnerar o ordenamento xurídico vixente coa súa conduta, no que vai de pre-campaña.

Desta volta, o organismo exixiu a retirada da nova en que o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, escenificaba a sinatura do contrato de construción de dous floteis coa petroleira Pemex, acompañado dos respresentantes dos estaleiros Navantia e Barreras. Neste sentido, a Xunta Electoral demandou a supresión do discurso pronunciado por Feijóo –que foi publicado no portal web da Xunta-- así como a gravación do acto, tamén incorporado á web do goberno galego. Aliás, o acordo adoptado polo organismo de control electoral, lembra á Xunta de Núñez Feijóo que de reiterar o seu comportamento, podería carrexarlle a apertura dun procedemento sancionador, de acordo co disposto na LOREX.

Aliás, a Xunta Electoral exixiu a retirada da campaña 'Decálogo das persoas maiores' ao supor máis unha vulneración da lei electoral. 

A Xunta Electoral de Galiza, apelou ao artigo 50 da norma polo que se determinan os obxectivos e límites das campañas institucionais e dos actos de inauguración realizados polos poderes públicos após se convocaren os comicios. Neste sentido, a Xunta de Galiza incorrería nun grave incumprimento do actual marco normativo ao non constituír a sinatura dos devanditos contratos un acto “imprescindíbel” nin procura salvagardar o interese público –tal e como dispón a lei.

Xa que logo, a Xunta Electoral tivo a ben estimar parcialmente a demanda presentada polo PsdeG-PSOE e exixir a retirada da nova –en todos os seus formatos--. @s socialistas denunciaron “a descarada utilización do goberno galego como medio de propaganda electoral” e aseguran que a resolución aprobada polo órgano electoral debe “mover á reflexión o candidato do PP e o seu responsábel de campaña”, Alfonso Rueda,a quen emprazan a dimitir “para evitar sospeitas sobre o uso partidista dos medios da administración pública galega”.