Estas son as candidaturas para as eleccións galegas do 21-O

O 21 de outubro terán lugar as eleccións ao Parlamento galego
Rematado o prazo para a súa presentación, damos conta das candidaturas completas que presentarán o Partido Popular, o Bloque Nacionalista Galego, o PSdeG e máis Compromiso por Galicia. Recollemos tamén toda a información dispoñíbel sobre as listaxes da Alternativa Galega de Esquerdas, Converxencia XXI, UPyD e Sociedad Civil y Democracia.

Onte rematou o prazo legal para a presentación de candidaturas ás eleccións autonómicas do 21-O. Uns comicios marcados pola irrupción de novas opcións electorais de diferente signo ideolóxico. Ademais das tres forzas que xa contan actualmente con representación parlamentar --PP, BNG e PsdeG-- haberá como mínimo catro candidaturas que tentarán obter escano no Pazo do Hórreo. Unha tarefa nada doada, non só pola barreira do 5% dos votos que é preciso superar --como mínimo-- en cada circunscrición para optar ao reparto de escanos, senón tamén pola falta de solidez e proxección dalgunhas das candidaturas por mor da súa presentación precipitada tras o adianto electoral.

O proceso de elaboración de listaxes tivo un desenvolvemento desigual nas distintas opcións. No caso do Partido Popular, despois de resolver o conato de crise en Ourense chegando a un acordo con Baltar, as súas candidaturas caracterízanse pola fortísima presenza de conselleir@s e altos cargos do actual goberno galego.

No PSOE, o proceso foi máis tenso, nomeadamente para as listaxes de Coruña --quedando excluído o deputado José Manuel Lage-- e Pontevedra. Nesta provincia a retirada de Modesto Pose desbloqueou a situación. En todos os casos a dirección galega do partido, impuxo boa parte d@s candidat@s, mesmo contradecindo o sentir das súas asembleas comarcais, como no caso de Ourense.

No caso do BNG, as candidaturas foron elaboradas a partir das propostas que a militancia elevou á Executiva Nacional desde as asembleas comarcais. A aprobación --por amplísima maioría-- delas por parte do Consello Nacional o pasado sábado puña o punto final a un proceso que se caracterizou polo sosego interno e que se resolveu cunhas listaxes de consenso en que se recolle a pluralidade da fronte nacionalista.

Despois da Convención de Primarias en que se designaron as catro cabezas de lista, despois de que só se presentase un aspirante por circunscrición --reduncido a escolla ao voto a prol ou a abstención--, a Executiva Nacional de Compromiso por Galicia aprobou as súas candidaturas, en que salienta a presenza do exdiputado do PSOE e home forte do Grupo San José no Consello da Administración do semanario A Nosa Terra --cabeceira hoxe liquidada tras un proceso concursal--, Miguel Barros, e a do académico da lingua Henrique Monteagudo, impulsor da polémica proposta do “bilingüismo restitutivo”, ambos os dous nos tramos de peche.

As candidaturas

Sermos Galiza anticipou desde hai días información arredor das diferentes candidaturas e desta volta ofrecemos as listaxes íntegras polas catro provincias galegas das principais forzas políticas e máis de Compromiso por Galicia:

Alternativa Galega de Esquerda

A coalición entre Anova, liderada por Xosé Manuel Beiras despois de saír derrotado da última Asemblea Nacional do BNG en que aspiraba á portavocía nacional da fronte nacionalista, e a federación galega de Esquerda Unida, fixeron públicos os números un e dous das súas listas que se repartiron ao 50%.

Por Coruña, como xa fóra anunciado días atrás, encabezará o propio Beiras seguida da Coordenadora de EU, Yolanda Díaz. En Lugo, o número un será Ramón Vázquez Díaz (EU) seguido de María Jesús Casar Díaz (Anova). Por Ourense o cartel será David Fernández Calviño (Anova) e de segunda Carmen Iglesias Sueiro (EU). O número un por Pontevedra será Juan Manuel Fajardo (EU) e a súa número dous Consuelo Martínez García (Anova).

Converxencia XXI

A opción ultraliberal encarnada por Converxencia XXI, finalmente concorrerá aos comicios do 21-O. Por Pontevedra a súa candidatura será encabezada polo seu secretario xeral, Carlos Vázquez Padín. Henrique Carvallo, Garcilaso de la Vega e Mateo S. Franco, serán os números un das candidaturas por Ourense, Lugo e A Coruña, respectivamente.

UPyD

Pola súa banda a españolista Unión, Progreso y Democracia, presentará a José Canedo Santos (Pontevedra), José Antonio de Lorenzo Pardo (A Coruña), Agustín Gallego Vigo (Lugo) e Laureano Bermejo Ansia (Ourense) como números un nas súas respectivas circunscricións.

Sociedad Civil y Democracia

Polo momento descoñécese a configuración das candidaturas de Sociedad Civil y Democracia, o partido político polo que Mario Conde se presentará ás eleccións galegas por Pontevedra. Especúlase co nome do o xornalista Enrique Martí Maqueda, colaborador do xornal La Región --que mantén desde hai meses unha liña moi crítica con Feijóo-- como posíbel cabeza de lista do partido do exbanqueiro por Ourense.