Feijóo aplaude os Orzamentos de Rajoy que deixan a Galiza con 400 millóns menos
O candidato popular participou esta mañá nunha palestra pública en Madrid, na que foi presentado polo Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, quen se prodigou en verbas amábeis cara o actual Presidente da Xunta. Na súa intervención Feijóo aplaudiu os orzamentos xerais do Estado aprobados polo executivo central, a pesar de que resten 400 millóns de euros ao noso país e vaian provocar unha nova vaga de recortes antisociais por mor dos duros axustes que recollen. “Son uns presupostos responsábeis e realistas” dixo.
O líder dos populares galeg@s tamén rexeitou demandar un novo modelo de financiamento para Galiza --reclamado polo BNG--, alegando que “non é o momento”, malia seren os recursos da administración autonómica os que financian servizos públicos esenciais como ensino ou sanidade, ameazados con novos retallamentos precisamente pola política de “austeridade” imposta desde Madrid.
O Presidente da Xunta volveu gabarse en público de que Galiza “sexa a única comunidade en condicións de adiantarse ao resto do Estado en alcanzar o déficit cero”, sinalando que “será acadado na vindeira lexislatura” no caso de resultar reelixido.
"Autonomismo sosegado" fronte soberanismo
En troques ás demandas de maior autogoberno en Euskadi e Catalunya, Feijóo afirmou encarnar o “autonomismo sosegado” fronte Madrid e volveu reiterarse no discurso centralista do Partido Popular, renunciando a demanda de maiores competencias e amosándose contrario mesmo ao modelo “federal” que o PSOE está a propor como contrapunto á crecente reivindicación de soberanía.