Guillerme Vázquez asegura que “se o BNG sobe o PP caerá derrotado”

Guillerme Vázquez e Montse Prado en Vilagarcía
O portavoz nacional do Bloque ofreceu un almorzo informativo en Vilagarcía de Arousa, onde se denunciaron os incumprimentos de Feijóo co Salnés.

 

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ofreceu un almorzo informativo esta segunda feira en Vilagarcía de Arousa xunto a candidat@s nacionalistas da circunscrición durante o cal asegurou que “un voto masivo ao BNG derrota o PP”.

Guillerme, acompañado pola candidata número 3 por Pontevedra, Montse Prado, e a candidata número 12, Rosa Abuín, lembrou que “os gobernos de coalición son o máis normal na maioría dos países democráticos” e insistiu en que “o 21 de outubro é posíbel derrotar o PP e iso pasa porque ascenda o BNG”. “As eleccións están abertas e estamos seguros de que o PP pode perder a maioría absoluta mais a chave para iso é o ascenso do BNG, iso sabémolo nós e tamén eles”, subliñou.

“Se o PP perde a maioría hai que conformar un goberno que faga políticas diferentes”, dixo o voceiro do BNG, que avanzou que “para o Bloque Nacionalista Galego ese novo goberno ten que se comprometer co avance do autogoberno de Galiza, con facerlle fronte aos salvaxes recortes do goberno de Rajoy e debe apoiar os sectores produtivos para saír da crise e defender os intereses das clases populares: desde @s estafad@s polas preferentes aos dereitos dos e das traballadoras”. “Nós non estaremos nun goberno modelo andaluz en que se aceptan os recortes por imperativo legal”, remarcou, en referencia á coalición PSOE-IU daquela comunidade.

Pola súa banda, Montse Prado, tamén xefa de campaña do BNG, falou de cuestións máis locais e criticou que “Feijóo promete a Vilagarcía o mesmo que hai tres anos e medio e que non cumpriu: a ampliación do Hospital do Salnés”.

Prado fixo referencia ás medidas concretas do BNG para a comarca do Salnés, onde recoñeceu que “non hai varas máxicas mais si medidas con que se pode saír da crise, como desenvolver o sector primario, defender os sectores produtivos, defender os servizos públicos e poñerse de lado dos máis febles”. “O que non pode ser é que, por exemplo, os produtores de uva das Rías Baixas non teñan garantido un prezo digno e o goberno da Xunta se inhiba á hora de sentar a negociar a produtores e adegas”, sinalou a candidata nacionalista.