O BNG afronta a campaña electoral cunha nova demostración de forza

Francisco Jorquera, candidato do BNG
Milleiros de persoas ateigan o Pazo de Congresos de Compostela para participaren nunha Convención Nacional de marcado ton festivo. O acto contou coas intervencións das cabezas de listaxe provinciais, do Portavoz nacional e do candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.

 

Segunda Convención nacional do BNG neste ano e segundo éxito de asistencia. Como xa sucedera o pasado 13 de maio, o Pazo de Congresos de Compostela ficou cheo cando pasaban poucos minutos das 12:00h desta mañá, hora prevista para o inicio. A escenografía sobria e austera foi compensada por un ambiente festivo. O público, entre o que destacaban numerosos representantes de movementos sociais --como o secretario xeral da CIG--, recibiu en pé as e os candidatos e o portavoz nacional entre atronadores berros de “Benegá, Benegá” que agromaban desde un mar de bandeiras. Ao chegaren ao escenario, onde estaban todas as persoas que integran a candidatura nacionalista, o público volveu ovacionar en pé, síntoma do clima que se respiraba.

Como mestre de cerimonias oficiou o debuxante Xosé Lois, o Carrabouxo, quen engadiu a nota de humor, en chave retranqueira, ao acto. Xosé Lois, xustificaba a celebración do evento por mor do adianto electoral que na súa opinión foi “o único adianto nos últimos tres anos e medio”. No auditorio estivo presente o proceso vivido no seo do nacionalismo tras a Asemblea de Amio, o Carrabouxo apuntou que tras a “catarse” vivida “o Bloque xa está libre de pó e piollo para facer o que sempre fixemos, defender o pan e a dignidade de Galiza”, arrincando un grande aplauso.

Cosme Pombo: “Temos recursos mais non nolos deixan explotar!”

A faixa central do acto correspondeuse coas intervencións políticas. O primeiro en tomar a palabra foi o candidato por Lugo, Cosme Pombo, quen acusou a Feijóo de tentar distraer as galegas e os galegos “dos problemas reais que Galiza ten”. Nunha intervención marcada por un tono informal e moi próximo que lle fixo gañar a simpatía do auditorio, explicou que “@s nacionalistas o que queremos é defender é a nosa terra” e apostou por poñer o país a producir.

“Temos recursos mais non nolos deixan explotar!”, asegurou, para defender a necesidade de reindustrializar o país e apostar polos sectores produtivos. Por último, fixo un chamado a todas e todos os asistentes. “Debaixo de cada veciñ@, aínda que non nos vote, hai un galeg@ e se lle falemos de corazón o 21 de pode cambiar algo. Falémoslle ao noso pobo” afirmou, poñendo novamente o auditorio en pé a berros de “Benegá, Benegá”.

Tereixa Paz: “Votar nacionalismo é votar igualdade”

Así de tallante arrancou Tereixa Paz. A cabeza de lista por Ourense asegurou que o BNG “é a maior preocupación para quen aproveita a crise para recortar”, porque “o nacionalismo está para defender valores como o da igualdade, social e de xénero”. Paz cargou contra a “política machista do PP” que “resta dereitos e quere devolver a muller á casa”. Fronte a esa realidade a candidata mostrouse certa de que “ as mulleres galegas estaremos aquí como garantía de que os dereitos conquistados deixarémolos en herdanza aos nosos fillos e fillas”

Paz reivindicou a política “con maiúsculas” fronte á “estratexia premeditada dos poderes económicos para deslexitimar a política, para poderen impor recortes usurpando o poder ao pobo”. “O principal obstáculo para os seus intereses é que o pobo participe da política, por iso nos atacan por terra, mar e aire, aínda que para iso haxa que montar escándalos” clamou. Asemade, puxo riba da mesa o concepto de democracia que defenden @s nacionalistas “democracia é a política ao servizo do pobo” explicando as propostas para a “rexeneración democrática” que recollen no seu programa electoral.

Carlos Aymerich: “O PP entende o país como un negocio”

O cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich, encetou a súa intervención dando --ironicamente-- a primicia de que “Feijóo mente”. “O Partido Popular di que pon Galiza por riba de todo, é falso, quere facer de todo por riba de Galiza e non lle imos deixar” dixo. Acusou o PP de entender o país como un negocio. “Na sanidade, no ensino, ou nos servizos sociais unicamente ven negocio para as súas empresas amigas, empezando pola da irmá de Feijóo” aludindo as numerosas concesións da empresa Eulen.

Aymerich reduciu os comicios do vindeiro 21-O a unha escolla entre dous modelos do país, dunha banda o do “empobrecemento, a exclusión e a desigualdade” das “políticas antisociais do PP” e, doutro, o da “solidariedade, onde ninguén quede atrás”, que representaría o BNG.

Ana Pontón: “O BNG non é nin híbrido nin transxénico é un produto cento por cento galego”

Pola súa banda, as palabras de Ana Pontón, candidata número 2 pola Coruña, pivotaron sobre a denuncia con que deron comezo.“Recortes nas pensións, subas inxustas de impostos, privatizacións dos servizos públicos, roubo dos dereitos sociais e entrementres os especuladores e banqueiros non se sentan no banco dos acusados, son premiados con miles de millóns de euros que nos rouban a todos e todas, temos que parar esta desfeita custe o que custe”, dixo tras o que pediu que a oposición aos recortes estea presente nas urnas o 21-O “apoiando o BNG”. Neste sentido, Pontón fixo fincapé en que as eleccións galegas “están abertas e poucos votos poden ser chave”, lembrando que o popular Conde Roa se fixo coa alcaldía de Compostela por apenas 14 votos.

Aliás, o treito máis aplaudido foi cando a actual portavoz parlamentar do BNG se referiu veladamente á irrupción de novas candidaturas, asegurando que “Galiza precisa de forzas propias, sen obediencia nin a Madrid nin a Bruxelas”. “O BNG non é nin híbrido nin trasnxénico, é un produto cento por cento galego”, clamou provocando un sonoro aplauso.

Guillerme Vázquez carga contra as inxustizas xudiciais

Falou tamén o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, quen foi recibido co auditorio en pé, feito que agradeceu saudándoos como “galegos e galegas libres” porque “non estades aquí polo bocadillo” e vaticinou que “de aquí sairemos imparábeis, con máis decisión que nunca, coa decisión de sacar de Monte Pío o peor presidente da historia de Galiza”

“Non estamos dispostos a que sigan roubando os salarios da xente para seguir cebando como porcos os banqueiros”

Vázquez entrou de cheo na polémica suscitada tras a irrupción en plena precampaña do caso Pokémon. Despois de afirmar que se debe perseguir e castigar con dureza a corrupción e que “o BNG non tolera que ninguén meta a man na caixa” engadiu que “tampouco estamos dispostos a calar fronte a unha xustiza que pode acabar coa honra das persoas antes de probar a súa culpa mentres os delincuentes non se lles toca un pelo”.

“Xa está ben! Onde está a xustiza para perseguir os estafadores dos preferentes? Que xustiza é esta que multa a parados e paradas da CIG por levar comida dun supermercado e non toca a Gayoso, Méndez ou Pego por levarse millóns de euros?” preguntouse Guillerme Vázquez provocando unha enorme ovación. O portavoz nacional tivo tamén palabras de recoñecemento para Fernando Varela, o concelleiro nacionalista de Ourense que dimitiu tras verse imputado no caso Pokémon. “Todo o meu recoñecemento, apoio e aplauso a Fernando Varela” dixo. O público ergueuse e nunha emocionada ovación deixou patente que @s nacionalistas pechan filas arredor da inocencia de Varela.

A respecto da política de recortes do PP desde a Xunta e Madrid, Vázquez sostivo que “non estamos dispostos a que sigan roubando os salarios da xente para seguir cebando como porcos os banqueiros” e chamou a insistir na mobilización explicando que “ás veces unha onda non é quen de derrubar un muro, mais non hai muro que resista o maremoto popular, nin en Portugal nin en Galiza”. Chamado á mobilización mais tamén á participación nas eleccións do 21 pedindo que se transforme o cabreo en voto, xa que “se non votas eles gañan”.

Francisco Jorquera: “Non virá de fóra remedio nin esperanza”

O último en tomar a palabra foi o candidato nacionalista á presidencia da Xunta. Francisco Jorquera, que foi recibido cunha forte ovación e berros de “presidente, presidente!”, defendeu que “Galiza necesita un cambio real e o BNG é a garantía dese cambio”.

“Non virá de fóra remedio nin esperanza”. Jorquera botou man dos versos de Celso Emilio Ferreiro para facer valer o BNG como “expresión da autoorganización do pobo galego”, asegurando que “o BNG non precisa voar con ás emprestadas nin de tutelas alleas”. Nun discurso cunha forte chave soberanista defendeu “ampliar o noso autogoberno, avanzar cara á soberanía é imprescindíbel para facer posíbel unha saída social da crise”. “A ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia e de xustiza social, conduce a que as decisións se tomen en ámbitos sometidos ao ditado do poder económico contra os intereses da maioría” acrecentou.

"Avanzar cara á soberanía é imprescindíbel para facer posíbel unha saída social a crise" 

O candidato nacionalista fixo un repaso dos “fracasos” da política de Feijóo e Rajoy. A respecto deste último preguntouse “que Galiza coñece? a da praza de touros en Pontevedra mentres fuma un puro?” e reclamou ao presidente do goberno central que aclare antes do 21-O se vai recortar as pensións. Jorquera insistiu en denunciar o sometemento de Feijóo aos ditados do PP de Madrid. “A Feijóo só lle preocupa que Galiza non sexa un problema para o Estado español, non lle preocupa que o Estado español sexa un problema para Galiza, que as políticas do estado nos estean a arruinar” dixo.

Para o BNG “é posíbel derrotar a dereita española” o 21-O, mais para iso non se pode desperdiciar un só voto xa que “se se concentran todos os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG será posíbel o cambio que precisa este país”.

Nas vésperas do décimo aniversario da catástrofe do Prestige, Joquera reivindicou a “lección de dignididade” que o pobo galego deu ao berro de Nunca Máis. “O 21 de outubro o pobo galego vai dicir non á marea negra da devaluación da democracia, á marea negra da inxustiza, á marea negra do Partido Popular” clamou, seguido por berros de “Nunca Máis”.

Non todo foron discursos. A música tivo o seu espazo coa actuación da rapeira viguesa Aíd, quen interpretou dous poemas de Rosalía de Castro en versión rap, co acompañamento das palmas do público. O acto rematou co canto do himno galego e berros de “Galiza ceive, poder popular!”.