Sete candidaturas a debate. U-la do PP?

Participantes no coloquio político
A facultade de Ciencias Políticas (USC) acolleu o primeiro debate electoral en que se congregaron sete das candidaturas que concorrerán ás vindeiras eleccións nacionais. O Partido Popular non participou.

 

Nin o alumnado que organizaba a palestra agardaba unha resposta mellor á convocatoria dun coloquio político a piques de comezar a campaña electoral. Compromiso por Galicia, PSdeG, Unión Progreso e Democracia, Alternativa Galega de Esquerda, Bloque Nacionalista Galego, Converxencia XXI e Sociedade Civil e Democracia responderon á chamada da Asemblea de Estudantes de Ciencias Políticas e aceptaron confrontar os seus programas electorais perante un salón de actos ateigado de estudantes.

Dous eran os bloques temáticos sobre os que xirarían as ponencias dos relatores, "servizos públicos" e "economía". Con quendas de non máis de tres minutos --a máis da réplica--, cada un dos representantes políticos debían sintetizar as súas propostas, porén, houbo tempo para beliscar o brazo do contrario e sacarlle as cores a máis dun.

Sete voces a debate

Nada máis comezar a exposición de motivos --a presentación das principais liñas que conforman cada un dos programas-- ficou en evidencia que estas eleccións poñen riba da mesa dous modelos confrontados. Malia que o partido que sustenta o goberno da Xunta de Galiza --o Partido Popular-- non puido finalmente asistir; as sete forzas políticas que si o fixeron deixaron en evidencia distintas formas de entender e interpretar a realidade. Dunha banda, Converxencia XXI --da man do seu candidato Carlos Padín-- manifestou sen reparos o seu ideario liberal e atacou con dureza o "estadismo" como principial "causa da actual crise económica". Rachar coa intervención pública en beneficio da liberdade económica e da redución do gasto foron as súas principais propostas, que atoparon un outro defensor no representate de Sociedade Civil e Democracia, Francisco Fernández Tarrío. Carlos Padín --cun claro posicionamento (neo)liberal-- afirmou mesmo que "os mercados financeiros poñen sensatez á economía" e defendeu a liberalización e desregularización económico-financeira como única saída a unha crise provocada, dixo, "polos planificadores". "Necesitamos unha administración que deixe de molestar", espetou.

Carlos Padín: "Necesitamos unha administración que deixe de molestar"

Pola súa banda, Fernández Tarrío --voceiro do partido creado por Mario Conde-- defendeu o ensino privado, segregacionista e confesional en beneficio da "liberdade de elección" da cidadanía e dun ideario, explicou, baseado no "humanismo - cristián". Porén, a súa descrición da realidade económica actual non pasou do peche das empresas evitando apelar á desigualdade social, a perda de servizos públicos ou a maior taxa de desemprego da historia do país. Nun perfecto castelán, defendeu os seus posicionamentos entre os que se atopaba a posibilidade de que a cidadanía poida "fiscalizar" @s representantes polític@s.

Fernández Tarrío (SCyD): "Non entendo como un liberal pode defender a normalización do galego"

A medio camiño entre o liberalismo ultraconservador de CXXI e Sociedade Civil, atopábase o candidato de Unión Progreso e Democracia, cuxo discurso --difuso por momentos-- pretendía xirar "á esquerda", como el mesmo se definiu valéndolle máis dunha risada desde as bancadas. Afanado na defensa da "transparencia" política e institucional, De Lorenzo (UPyD) asegurou que o principal punto do seu programa electoral era a procura da "eficiencia" dos servizos públicos e mesmo apelou ao modelo canadense para exemplificar que "con menos recursos se obteñen mellores resultados".

De Lorenzo (UPyD): "A Constitución española non permite a autodeterminación dos pobos"

Ao representante do PSdeG costoulle un apupo desde as cadeiras a súa falla de iniciativa na presentación das propostas. Nun permanente ataque ao goberno de Feijóo, José Luís Méndez non achegou ningunha das medidas que compoñen o programa do PSdeG, polo que foi emprazado polo estudantado a describir algunha delas. Porén, Méndez obviou a pregunta e continuou o seu discurso ao que unha moza respondeu desde a cadeira cun "creo que non se entera".

José Luís Méndez foi increpado desde as bancadas por non presentar as propostas do PSdeG

Pola súa banda, o candidato á presidencia da Xunta de Compromiso por Galicia, Xoan Báscuas presentou á súa formación como un "partido nacional galego, dirixido ás maiorías sociais" e que abrangue unha proposta ampla desde "o centro até a esquerda renovadora". Aliás, asegurou que é vontade da formación que "CxG sexa patrimonio de toda a sociedade" e propuxo a "defensa do estado de benestar e do autogorbeno" como principais eixos programáticos. Entre as achegas debulladas por Báscuas, un Plano de Emprego para a Mocidade Emprendedora en que se recollen iniciativas como a creación dun viveiro de empresas a modo de "centro de negocios" asegurou.

Bascuas (CxG): "Queremos que Compromiso sexa patrimonio de toda a sociedade"

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), coalición electoral integrada por Esquerda Unida, Anova, Equo e Ecogaleguistas, estivo representada por Xabier Ron. O militante de Esquerda Unida --que estivo arroupado pola candidata número dous pola Coruña Yolanda Díaz desde as bancadas-- asegurou que o seu obxectivo era "introducir unha esquerda no Parlamento que transforme as anquilosadas estruturas". Ron asegurou que as políticas desenvolvidas polo goberno español promoven "a mercantilización dos servizos públicos" e responsabilizou, en diversas ocasións, á UE da actual realidade económica que está a vivir Galiza. Aliás, e preguntado polo público, asegurou "defender o dereito dun pobo a decidir", perante o caso catalán, "se esa é a súa vontade", aseverou.

Xabier Ron (AGE): "As políticas do PP promoven a mercantilización dos servizos públicos"

Finalmente o BNG, foi o que máis aplausos colleitou. O candidato pola provincia de Pontevedra ao Parlamento galego, Carlos Aymerich, foi interrompido pol@s asistentes en máis dunha ocasión. O candidato nacionalista describiu a realidade económica, política e social do país ao tempo que presentou as alternativas da fronte nacionalista nas súas intervencións. Ademais, tivo tempo para se dirixir en diversas ocasións a algún outro relator e emprazou a Mario Conde a "devolver os cartos antes de dar leccións".

Aymerich (BNG): "Agora mesmo, o Estado español é un problema para Galiza"

Carlos Aymerich asegurou que o vindeiro 21 de outubro Galiza debía decidir "entre dous modelos" e achegou algunha das políticas que integran o programa electoral do BNG: a creación dun patrimonio público de vivenda para a xente moza e as persoas con dificultades económicas; a aposta por unha banca pública galega ao servizo da economía produtiva, a supresión da axuda pública ao ensino segregacionista, a progresiva desaparición dos consorcios coa escola privado-concertada ou o pulo por un maior autogoberno na procura de que Galiza xestione os seus propios recursos.

Un debate inédito

Sete forzas políticas na mesma mesa deron lugar a un debate sen precedentes en Galiza onde resoaron as verbas de Nelson Mandela, Albert Einstein ou mesmo Warren Buffett. Porén, haberá que agardar para que o Partido Popular poña as súas cartas enriba da mesa pois finalmente non participou após responder ao convite o propio día de celebración do coloquio.