Soberanía fronte a recortes, a proposta do BNG contra as políticas antisociais do PP

Vista do acto do BNG en Ourense
Jorquera advertiu desde Ourense que “votar a Feijóo é votar a Rajoy” e aposta nunha “Galiza soberana” para romper coa política de recortes. Tereixa Paz defendeu a necesidade dun novo modelo de financiamento para “evitarmos seguir a emigrar”.

Exercer o autogoberno, no vieiro de conquistar a plena soberanía, para facer fronte á política de recortes do Partido Popular. Esa é a aposta do Bloque Nacionalista Galego. Así o expresou o seu candidato nun acto que decorreu onte en Ourense en que se presentaron as liñas programáticas do BNG de cara aos vindeiros comicios autonómicos.

Jorquera afirmou querer lograr “unha Galiza soberana” con capacidade de decisión para romper coas políticas antisociais da dereita. Para @s nacionalistas o 21-O redúcese a que o pobo escolla entre “que Galiza recupere as súas competencias e poder exercer o autogoberno ou seguir coas políticas de Feijóo e Rajoy con máis recortes”.

Votar Feijóo é votar Rajoy

Francisco Jorquera advertiu que “votar a Feijóo é votar a Rajoy en Galiza” malia que eviten fotografarse xuntos, en alusión á ausencia de Feijóo no acto do PP en Ourense onde estivo o Presidente do Goberno español. “Se Feijóo gañar as eleccións galegas, o PP sentirase lexitimado para seguir na súa ofensiva de recortes brutais” o que para o candidato do Bloque agudizará a crise e profundará no empobrecemento das clases populares.

Unha mudanza radical

O BNG defende a necesidade dunha mudanza radical nas políticas económicas. O obxectivo é orientalas fixando como prioridade a creación de emprego, para o que propoñen a activación das “grandes capacidades produtivas do país” a través de políticas públicas. A reforma fiscal, a necesidade dun banco público galego ou a demanda dun novo modelo de financiamento foron outras das propostas nacionalistas.

A respecto do modelo de financiamento, a cabeza de lista por Ourense, Tereixa Paz, propuxo rachar co actual sistema, que cualificou de “ideolóxico”. “O goberno central persegue perpetuar a falsa crenza de que Galiza é pobre” denunciou Paz, fronte ao que apostou en “exercer a soberanía para evitarmos seguir a emigrar”.