Laura Mintegui: "Queremos ofrecer un cambio real para construírmos unha nova Euskal Herria"

A candidata a lehendakari valora o adianto electoral anunciado por Patxi López cun "xa era hora". Botamos a ollada ao programa de EH Bildu con ela e ao panorama político que se abre en Euskadi

A candidata a lehendakari por EH Bildu dixo do adianto electoral que puña fin "a unha época con grandes carencias democráticas" e asegurou que o goberno de Patxi López "fai moito tempo que non ten capacidade para dar resposta" nin á crise nin á nova etapa política que se abre en Euskadi.

Laura Mintegui, asegura que desde a coalición afrontan os comicios "con ilusión e con enerxía" pois cren que é posíbel facer as cousas doutra maneira. EH Bildu ofrece "outros modelos e outras maneiras de actuar" cuns obxectivos claros "a xustiza social, un novo modelo económico e unha sociedade máis igualitaria".

Publicamos a entrevista completa que Mintegui concedeu a Sermos Galiza, na que debullamos polo miúdo as propostas da candidatura e o novo marco político caracterizado polo camiño cara á superación do conflito político en Euskal Herria.

Euskal Herria está superando un importante conflito político, que papel xoga EH Bildu nese cambio?
É difícil valorar cal é o peso específico de cada un dos axentes políticos e sociais na superación do conflito: a reflexión de ETA, a sociedade vasca, o impulso político da esquerda abertzale en particular e o resto de partidos nacionalistas de esquerda en xeral, a represión policial contra a mocidade comprometida, a participación internacional... Nun punto dado deuse unha confluencia de moitos elementos, mais, en calquera caso, hai un traballo de “cociña” de bastantes anos, deseñado e alimentado polas forzas que hoxe en día conforman EH Bildu e, especialmente, por parte daquelas persoas que máis sufriron a presión das ilegalizacións.
Mais o conflito aínda non está superado. Por iso queremos ofrecer un cambio real baseado en dous eixos (a normalización política e a xustiza social) para construírmos unha nova Euskal Herria. E perante a agresión neoliberal do goberno do PP e a ditadura financeira, cada vez é máis perentoria a necesidade de soberanía política e económica. Para isto, ofrecemos compromiso e mobilización social.

A actitude dos sucesivos gobernos españois -especialmente o actual- contribúe ou obstaculiza a construción da paz en Euskal Herria?
A esquerda soberanista fixo un esforzo enorme a prol da paz, e iso fíxose visíbel na Declaración de Aiete e a posterior decisión de ETA. Malia os relatos fantásticos que queiran redactar, o goberno do Estado español e os demais partidos, a sociedade é consciente de quen moveu peza para traer a paz ao país, quen ficou descolocado e quen entorpece a consecución da paz.
Perante a actitude dos gobernos pódese chegar a pensar que contra ETA vivían mellor e que o remate do conflito deixa en evidencia que o problema real non era en realidade a loita armada, contra a que se sentían moi cómodos, senón que non queren acometer o tema dos dereitos dos pobos. ETA servía de coartada para facer calar a disidencia e, sen ela, agora buscan escusas para ilegalizar máis unha vez novos partidos. Porén as escusas estanse acabando.

Despois de tanto tempo sen poderen concorrer de xeito normalizado a unhas eleccións nacionais, como se vos presenta, social e politicamente, o proceso electoral?
En primeiro lugar, teño que aclarar que nesta coalición hai partidos que non se puideron presentar e outros que si. Dito isto, as perspectivas son realmente boas. Socialmente valórase o esforzo feito para lograr consensos entre distintos colectivos. Politicamente temos a oposición directa e agresiva dos demais partidos, que nos ven como unha “ameaza” que quere entrar no seu club privado.
Nestes momentos as enquisas dan case un empate técnico entre as dúas forzas nacionalistas vascas, o PNV e EH Bildu. Confiamos poder explicar o noso programa e abranguer arredor del moitas cidadás cidadáns que ven que hai que mudar as cousas. Fixemos unha aposta seria pola normalización política e pola xustiza social, que son os eixos que moven a nosa política. O PNV ofrece máis do mesmo.

Que alternativas propón EH Bildu no seu programa de goberno para superar a situación económica actual?
Nestes días estamos escoitando que a solución pasa por fortalecer as institucións que garanten o autogoberno, agarrarse ao concerto económico como unha lapa e conseguir un amplo consenso para manter o status quo até que pase a crise. Mais resulta que ese marco autonómico está superado, e iso ficou claro coas últimas medidas do PP.
É hora de conseguirmos as ferramentas para decidirmos a nosa economía e crearmos un novo modelo social e económico. Precisamos recursos, precisamos confianza e identidade.

A saída da crise pasa necesariamente por recuperarmos a soberanía nacional?
A soberanía nacional non asegura superarmos a crise, mais sen ela é seguro que non saímos nun prazo razoábel, porque o lastre da economía española é tremendo. A soberanía posibilita estabelecer as dimensións da economía, potenciar a comunidade, solucionar as necesidades básicas, fomentar a nosa cultura, a biodiversidade e a democracia social. A falta desa soberanía abócanos á pobreza, e a pobreza limita a liberdade de decisión das persoas e dos pobos.

A creación de consellarías como a de soberanía alimentar promoven outra forma de entender e facer política. Como encaixan no marco da UE e do actual modelo político-administrativo do Estado español?
Desde que en 1945 se puxo en marcha a UE, a maioría dos pasos que se deron estiveron encamiñados á unificación monetaria e dos mercados (nos oitenta chamabámoslle a Europa dos mercaderes), entrementres a Europa das nacións e dos pobos ficou nun nivel residual e simbólico. A fonda crise que sofre o capitalismo pode axudar a cambiar o eixo dos estados aos pobos e dos capitais á economía sostíbel.

Entre as vosas propostas está a creación dunha banca pública, de capital vasco e social. Como contribúe este proxecto na creación dunha Euskal Herria máis libre e xusta?
A agricultura, a industria e a banca son os eixos da economía dun país e sen o apoio financeiro os outros dous dificilmente poden saír adiante. Porén, máis que os bancos, son as caixas as que sosteñen a comunidade. En Alemaña hai 400 caixas unidas en 12 federacións que financian o 70% das PEMES dos Länders, que son a orixe da riqueza do país. Os bancos teñen o perigo de que, ao admitiren investimento estranxeiro, desvíen a súa riqueza fóra do territorio.

Cal é a realidade actual do éuscaro en Euskal Herria e cales son as vosas propostas para a súa plena normalización?
Malia que os datos do coñecemento da lingua aumentan ano tras ano, os datos con respecto do seu uso estancáronse e non se ve un avance. Se non se aplican unhas políticas proactivas e decididas, hai perigo de que se cren illotes falantes de éuscaro nun océano cada vez máis plurilingüístico. Propoñemos unha consellaría de Normalización Lingüística, porque é un obxectivo estratéxico. Queremos fornecelo do status que lle corresponde, lonxe da oficialidade asimétrica de segunda orde que ten agora.

A revolución será feminista ou non será?
A presenza das mulleres en todos os ámbitos da política debería ser sinal de que imos conseguindo cotas de normalidade, mais, evidentemente, aínda fica un longo camiño e a proba é que esteamos falando disto agora. Propomos un modelo de relacións entre mulleres e homes construído sobre un reparto xusto dos recursos e dos espazos, da toma de decisións, do coidado, do traballo remunerado... en definitiva da vida.

Está hoxe Euskal Herria máis preto da autodeterminación?
Cada vez está máis preto, e se obtivermos un bo resultado nas eleccións, estarao máis.