ETA planea o seu desarmamento baixo supervisión internacional e sen a colaboración do Estado
A organización armada anunciou no seu último comunicado que desenvolverá "aportacións significativas" ao proceso de paz "sen tardar", o que debuxaría o escenario dun inminente desarmamamento.
A organización armada Euskadi Ta Askatasuna (ETA) podería iniciar sen demora o proceso de desarmamento. Así o asegurarían fontes abertzales consultadas polo diario español El País.
O desarmamento -entrega dos arsenais, identificación dos zulos e dos pisos francos- realizaríase baixo supervisión internacional e sen a colaboración do Estado, que, segundo informa El País, ten rexeitado participar no proceso.
Fontes abertzales sinalaron, en declaracións ao diario español, que o desarmamento se verá dificultado precisamente pola falta de colaboración do Estado. "É moi difícil realizar unha entrega de zulios, armas e pisos á marxe do Goberno", din. Temen tamén que non só non haxa colaboración, senón que as forzas e corpos de seguridade do Estado continúen detendo dirixentes e militantes de ETA, o que obviamente complicaría toda a operación.
En calquera caso, ETA ten tomada a decisión de se desarmar e esa determinación semella irreversíbel. "Ese proceso comezará moi cedo (...) e a súa primeira escenificación será significativa para dar credibilidade ao proceso gradual que se inicia", din as fontes da esquerda abertzale.
Achegas significativas
A decisión viría a completar o anuncio emitido no último comunicado cando ETA dixo que "sen tardar" desenvolvería "aportacións significativas" ao proceso de paz.
ETA respondería desta maneira ao clamor social que demanda o fin do conflito basco e que tería a súa expresión na multitudinaria mobilización de Bilbo. Unha marcha, din, que "debuxou o camiño para avanzar" e "prendeu a ilusión de amplos sectores da cidadanía" que "coidan inacaída a liña do Goberno español". Un paso que viría a se acrecentar ao comunicado do Colectivo de Presas e Presos Bascos (EPPK) e á creación en decembro de 2013 da Comisión para Impulsar o Proceso de Paz.
Artellar unha "vía basca"
Así, perante a inacción dos executivos de Madrid e París --que rexeitaron en non poucas ocasións iniciar un proceso de diálogo en que negociar o desarme-- ETA aposta en "concretizar unha acción para pór o si de Euskal Herria" á paz "no centro e en vías de materialización" entre as que se atoparía a entrega das armas.
Destarte, ETA avanza a súa vontade por participar "nas conversas e negocacións que se poidan empregar co obxectivo de lograr a resolución e a paz". Xuntanzas que se desenvolverían, segundo a organización armada, no marco da Comisión para a Paz e nas que se construiría o que ETA denomina unha "vía basca" cuxa axenda viría marcada polos eixos apuntados na mobilización do 11 de xaneiro: dereitos humanos, resolución e paz.
De maneira tácita, ETA anima a se unir a esta estratexia a todos os sectores da cidadanía pois, coidan, "algúns discursos estanse a readaptar" e "cada vez son máis os que toman por inacaída a liña do Goberno".